Prepotente, insulto á intelixencia e tan previsible como se recitase un guión de frases feitas son os cualificativos que lle merece ao BNG a declaración do presidente do Estado, Mariano Rajoy, polo chamado caso Gürtel sobre o presunto financiamento ilegal do PP.
A imaxe de Rajoy sentado no estrado “supón o vivo retrato dun PP trufado de corrupción”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, retrato que non logrou evitar nin sequera o trato preferente dado polo Tribunal a esta testemuña, “ademais de presidir un Goberno que fai augas por todas partes, onde a reprobación de ministros e altos cargos e xa habitual, o que retrata tamén a descomposición dun Estado asentado no caduco réxime do 78”.
O Bloque tamén considera a declaración como un “insulto á intelixencia” e tan “predicible” que @s profesionais da comunicación “poderían ter escrito a crónica desta comparecencia antes de que se producira”. Os seus reiterados no que yo recuerde, ademais de buscar a exculpación en caso de novas probas, unido aos continuos no sabía nada, e frases recorrentes como nunca me ocupé de los asuntos económicos, me reúno con mucha gente, ....seguen a estela doutros ilustres comparecentes por casos de corrupción.
“O que non lle escoltamos explicara Rajoy é como, non ocupándose dos asuntos económicos, do partido nun determinado momento dá a orde de non volver contratar co señor Correa”, ironizou.
Especialmente inverosímil e inconsistentes considera Pontón as xustificacións do presidente español sobre as coñecidas e polémicas mensaxes enviados ao ex tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, cando xa eran públicas as contas de este en Suíza.
“Que Rajoy responda sobre os SMS a Bárcenas alegando: tengo la costumbre de responder a los mensajes que me manda la gente é un insulto á intelixencia, porque que pretenda colarnos que non sabía nada das contas de Bárcenas en Suiza é tan críbel como que a Infanta non sabía nada das contas de Urdangarín. O resultado moi probabelmente será o mesmo, moi marca España”, criticou.
Para a dirixente do Bloque, foi moi grave a actitude “de chulería e prepotencia” do presidente do Estado, “propia de quen pensa que está por riba da lei”, ademais dunha nova demostración “de que ademais de saquear as arcas públicas os responsables políticos do PP rinse na cara dos e das saqueados, que non son outros que todos e todas as cidadáns do Estado”.