O BNG tentará cobrarlle o IBI á Igrexa nos concellos nos que goberna

O alcalde de Allariz, Francisco García, anuncia que o BNG intentará cobrar o IBI á Igrexa nos concellos nos que ten a responsabilidade de goberno, sobre as leiras e propiedades que constitúan un valor patrimonial "alleo á celebración do culto". Nese caso só quedarían exentas de aboar o tributo, en virtude do Concordato asinado entre o Estado español e o Vaticano, as igrexas, capelas, instalacións anexas, casas reitorais, casas de residencia dos párrocos, conventos e seminarios.

Esta medida adoptarase, segundo o dirixente nacionalista, despois de que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense ditara unha sentenza firme, contra a que non cabe recurso, mediante a que autoriza que o Concello de Allariz poida cobrar á Igrexa o IBI por catro fincas urbanas que ten noutras tantas parroquias, á marxe das exencións contempladas no Concordado.

O alcalde explica que esas parcelas, que na actualidade permanecen baleiras, "tributan polo valor do chan", debido a que "poden ser aproveitadas urbanísticamente".

Francisco García considera "xusto" que outros concellos de Galiza gobernados polo BNG esixan o mesmo pago á Igrexa, porque "pola contra estaríase incorrendo en discriminación contra os veciños que pagan o imposto por propiedades similares", ademais de resaltar a necesidade de "contribuír ao mantemento dos servizos municipais".

A Igrexa só mantén pendentes de pagamento catro recibos de IBI en Allariz, correspondentes a fincas urbanas que se atopan sen edificar en distintas parroquias do municipio, que "suman 329 euros", polo que foi máis custoso o proceso xudicial que a contía que vai a recaudar a administración local, pero o alcalde explica que tomou esa determinación por un criterio de "xustiza social". E reitera: "Igual que pagan relixiosamente os seus impostos o resto dos veciños, paréceme lóxico que a Igrexa aboe os recibos correspondentes ás propiedades que non teñen que ver co culto".

Pero ademais, aclara que a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense posibilitará que o Concello de Allariz "poida cobrar 95 recibos máis", correspondentes a 2013 e anos sucesivos, tras sometelos a un exame, co fin de poñer ao cobro os correspondentes a propiedades que teñan "as mesmas características" De todos os xeitos, advirte de que se trata de "cantidades modestas", as que terá que aportar a Igrexa por leiras urbanas non relacionadas co culto.

Francisco García sostén que o reclamo do pagamento dos recibos do IBI de leiras non relacionadas co culto "non significa que o BNG declárelle a guerra á Igrexa", cara á que se mostra "completamente respetuoso". Recorda que Allariz é un Concello "coun importante patrimonio relixioso, sobre o que en ningún caso se nos ocorreu presentar ningún tipo de esixencia de pagamento do IBI, en todos os supostos nos que a lei contempla a súa exención", en contraste coas que permanecen alleas ao culto.

A sentenza

Na sentenza, o xuíz desestima o recurso presentado pola diócese de Ourense o 28 de xuño de 2012 no que pedía que se declarase a nulidade do cobro destes recibos relativos a catro bens inmobles acordada pola xunta de goberno local de Allariz en decembro de 2011.

O maxistrado remítese no seu fallo á Lei reguladora de Facendas Locais, así como ao acordo establecido entre o Estado e a Santa Sé, que fixa que estarán exentos do pago os lugares dedicados ao culto, algo que, segundo sostén, non ocorre neste caso.

A sentenza sinala que a Igrexa non ten dereito á exención ao tratarse de "inmobles de natureza urbana que non se achan en ningún dos supostos de exención legalmente previstos".

O Concello de Allariz solicitou á diócese o pagamento do IBI correspondente a catro leiras urbanas que aparecen recollidas no plan xeral de ordenación municipal.

O goberno local está preparando un "inventario exhaustivo", co fin de analizar a natureza de cada unha das propiedades da Igrexa católica en relación a este suposto de exención para o exercicio 2013 e seguintes, de tal forma que "todas as propiedades que teñan a obrigatoriedade de tributación así o fagan".

Información de Faro de Vigo

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG