O BNG súmase ao dominio galego na Rede e confía en estrear o enderezo bng.gal o Día da Patria

BNG.GAL PRESENTACION 2 (1)

O BNG súmase ao programa pioneiros da iniciativa PuntoGal, promotores do dominio galego .Gal e o 25 de xullo confía en ser unha das primeiras 90 entidades en contar con esta ferramenta na internet estreando novo enderezo electrónico coa denominación bng.gal que pasaría a substituír ao actual bng.org en todas as súas comunicacións na Rede.

“bng.gal é un dominio claro, directo e, sobre todo, identificador do noso país na internet que é o mesmo que dicir na comunicación global”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, que valorou a “enorme relevancia” da iniciativa “para promover a difusión e facer visible a nosa lingua, a nosa cultura e situar a Galiza no mapa das comunicacións por internet”

A data do Día da Patria, elixida polos promotores, simboliza o significado e a importancia de ter un dominio propio na rede.

“Facer que Galiza teña un espazo propio na rede, fomentar o uso do noso idioma na internet, dar á cultura galega unha nova ferramenta para ganar visibilidade e facilitar que as empresas ganen en proximidade co público galego”, salientou Vence. “En definitiva, poder rendibilizar a marca Galiza no resto do mundo”, concluíu.

A presentación do que será o novo enderezo para as comunicacións do BNG na rede estivo precedida por unha reunión cos máximos responsables da iniciativa PuntoGal, Manuel González e Camilo Regueiro, como presidente e secretario respectivamente, nun encontro no que tamén participou a deputada Ana Pontón.

González agradeceu o “apoio incondicional” do BNG e avanzou que convidarán a todas as organizacións políticas, entidades e institucións máis representativas así como as empresas privadas de referencia a formar parte do programa pioneiros. A modo de exemplo, citou ao Parlamento de Galiza, a Xunta, aos medios públicos de comunicación e a todas as organizacións políticas.

Nese sentido, PuntoGal comparte a proposta do BNG de impulsar unha declaración de apoio institucional desde a Cámara galega ao dominio .Gal que, en palabras de González, “contribuirá a reforzar a identidade de país, á cohesión social, a autoestima, será unha ferramenta útil para as empresas e permitirá contribuír a presenza universal de Galiza en internet”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG