O BNG solicita no Congreso un Pleno estraordinario para que Rajoy dea explicacións

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, solicitaron hoxe a convocatoria dunha Deputación Permanente da Cámara para que se debata a necesidade de convocar un Pleno estraordinario coa comparecencia do Presidente do Goberno español.

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, considera que “ante a nova situación xerada polas últimas novidades no denominado “caso Bárcenas” que poñen de manifesto a relación do Presidente do Executivo co ex tesoreiro do PP, con comunicacións que se estenden até o presente ano, é preciso que Rajoy acuda á Cámara a dar explicacións”.

“Mariano Rajoy debe dar explicacións sobre a súa relación neste caso, debe aclarar todos os interrogantes que pesan sobre a súa situación e informar de maneira transparente á cidadanía ante a gravidade das informacións coñecidas”, sinala Davila.

A deputada do BNG afirma que “o Presidente do Goberno español non pode continuar agochado na Moncloa sen falar. Debe comparecer pero no Congreso dos Deputados e someterse ao control e ás preguntas das formacións políticas. Ten que facer un exercicio de transparencia tan necesario para a rexeneración da democracia e dar a información pertinente”. E demandou ao PP que “non obstaculice, como fixo a semana pasada, esta solicitude de comparecencia de Rajoy porque non é entendíbel que se utilicen as maiorías absolutas para negar que un Presidente do Goberno acuda á Cámara a dar explicacións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG