O BNG rexistra iniciativas para solicitar ao Goberno do Estado a modificación do RD 905/2022 que regula a Intervención Sectorial Vitivinícola no marco da Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC). A senadora do BNG pide que se elimine a obrigatoriedade de que os viticultores se teñan que subscribir a un seguro agrario un ano antes de solicitar axuda por reestruturación. O motivo principal, explica a senadora do BNG, é que os seguros agrarios non se adecúan á realidade de Galiza, motivo polo que a maioría das explotacións quedan fóra desta liña de apoio ao non o subscribiren.
Após coñeceren a modificación de diversos Reais Decretos relativos ao sector de froitas e hortalizas, vitivinicultura e apicultura, e á regulación de diferentes aspectos do exercicio da actividade agraria e da xestión da política agrícola común, o BNG decide rexistrar iniciativas -tanto no Congreso como no Senado- para solicitar a modificación do artigo 9 do RD 905/2022 que regula a Intervención Sectorial Vitivinícola no marco da Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC).
“É certo que este RD permite ás CCAA priorizar os criterios mais o Goberno do Estado non permite que exclúan algún dos previstos ou incluír novos elementos o que provoca que o sector vitivinícola galego estea sendo excluído das liñas de apoio do Plan Estratéxico” sinala a senadora do BNG. O feito é que, segundo explica Carme da Silva, o RD a subscribir un seguro agrario un ano antes de solicitar a axuda por reestruturación mais “os seguros agrarios no sector vitivinícola non se adecúan á realidade da Galiza”.
En Galiza, continúa da Silva, existen distintas enfermidades que se consideran endémicas do territorio e o consorcio de seguros non asegura o viñedo por esas enfermidades. Por exemplo, en Galiza non é posíbel asegurar un viñedo contra o mildio, unha enfermidade considerada endémica e das máis frecuentes en Galiza na vide. E, de conseguir indemnizacións no caso de danos causados por axentes meteorolóxicos, as contías son tan insignificantes “que non chegan a cubrir os danos”.
“Non é xusto que se lle exixa ao sector vitícola galego ter un seguro agrario cando este non está adaptado á realidade galega” apunta Carme da Silva. De facto, moitos pequenos produtores non están subscritos aos seguros agrarios exactamente por este motivo: “porque non quedan cubertos ou fan cunha contía insignificante que fai que non lles compense pagar un seguro”.
Tal e como demanda o sector vitivinícola e os sindicatos agrarios en Galiza, “é necesaria a modificación do RD para eliminar o requisito que obriga ao sector a subscribir un seguro agrario un ano antes de solicitar a axuda por reestruturación” e deixar de exixirlles “que realicen un novo gasto innecesario e improdutivo para a súa explotación”.