A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou que xa foi presentada formalmente á Comisión de Peticións da Eurocámara, -mediante a vía de urxencia a través da súa vicepresidenta, do grupo Verdes-Ale-, a solicitude para que envíe unha misión oficial (Fact Finding Visit) para realizar unha investigación das diversas denuncias galegas contra a megaminería contaminante que se tramitan no Parlamento Europeo. Esta misión oficial ten por obxectivo coñecer in situ as súas instalacións, así como as consecuencias que ten a posible reapertura desta mina aberta a ceo aberto tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o punto de vista económico e social.
“É fundamental que unha delegación de eurodeputadas e eurodeputados visiten as instalacións da Mina de Touro, de forma similar a como hai anos organizouse unha visita ás rías galegas”, salientou a portavoz do Bloque no Parlamento Europeo. Lembrou que na sesión da Comisión de Peticións do pasado 12 de novembro -na que se trataron tres denuncias sobre a mina de Touro, e previamente sobre a mina de San Finx en Lousame- a organización dunha misión de investigación a Galiza foi defendida tanto pola vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, como polas eurodeputadas Magrette Auken e Diana Riba.
Ao respecto, salientou a importancia de que as tres denuncias presentadas por representantes da Plataforma veciñal Mina de Touro O Pino NON, Cova Crea e Petón do Lobo, acadaran o apoio da maioría dos grupos políticos con representación na Comisión parlamentar para que quedaran abertas co obxectivo de poñer fin as catastróficas consecuencias que ten a megaminería en Galiza. ”Este respaldo dos diferentes grupos é fundamental para que as denuncias quedaran abertas e a Comisión de Peticións tome estes asuntos en consideracións”, explica.
Incumprimento de directivas europeas
A portavoz do BNG en Europa destaca que “é fundamental que se coñeza cal é o estado real do impacto da megaminería contaminante”, pois o impacto de proxectos como a Mina de Touro e a de San Finx incumpren tres directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría de Arousa; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de xeito transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.
“O Goberno galego estase saltando o cumprimento da normativa europea e por iso precisamos unha misión de investigación europea, como a das Rías de 2013”, salienta Miranda, lembrando así mesmo o papel da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo na denuncia contra a apertura da mina de Corcoesto.