Senado

BNG solicita cubrir todas as prazas vacantes nas oficinas da DXT na Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva rexistra iniciativas para solicitar ao Goberno as actuacións necesarias que permitan cubrir os 65 postos de traballo

En aras de ofrecer un mellor servizo á cidadanía e evitar o colapso das oficinas, a senadora do BNG demanda ao Ministerio de Interior aumentar o persoal

Ante a falta de persoal nas oficinas da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) na Galiza e os problemas para obter citas para a realización de trámites, o BNG vén de solicitar ao Goberno do Estado que leve a cabo as actuacións precisas para solucionar estes graves problemas. A senadora do BNG, Carme da Silva, pide aumentar o persoal nas oficinas, cubrindo todas as prazas vacantes, e recuperar o sistema suprimido co gallo da pandemia que permitía acudir directamente a calquera oficina sen cita previa para ofrecer un mellor servizo á cidadanía.

A falta de persoal nas seis oficinas ubicadas na Galiza está a comprometer o servizo de atención á cidadanía. Segundo os datos, 40% das prazas están vacantes, é dicir, só 39 dos 104 postos estás en activo. En Lugo, por exemplo, 66% dos postos están sen ocupar sendo catro as persoas que prestan servizo de atención ao público cando debería haber doce. En Vigo, dez postos sen cubrir dun total de vinte e un. En Santiago, un 38% de prazas vacantes e, se se analizan os datos de Ourense, un tres postos sen cubrir de nove vacantes. Por último, na Coruña, hai dez postos sen traballo e en Pontevedra hai cinco sen cubrir de vinte e seis.

“Con estes números, ao persoal resúltalle imposíbel atender a elevada carga de traballo existente. Non dá abasto para dar un servizo de calidade e coa marxe de tempo requirido a toda a demanda e mesmo eterniza trámites normais ou urxentes” denuncia a senadora do BNG. Tamén inflúe na tramitación da documentación para as persoas que van facer o exame do carné de conducir debido a que atrasa o calendario de exames por non poder contar a tempo cos papeis.

O Ministerio de Interior asegurou o ano pasado, lembra Carme da Silva, que levaría a cabo un plan para aumentar o persoal en todas as oficinas debido a que se trata dun problema xeneralizado en todo o Estado pero non constan avances de verdade neste sentido. Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno que cubra as prazas vacantes antes do período estival, que é o peor en canto a volume de traballo polo incremento de solicitudes.

De facto, segundo un Informe da OCU, a Dirección Xeral de Tráfico é a que sofre un maior tempo de espera de toda a Administración pública, cunha media de 48 días de espera. Tamén indica que nunha de cada tres peticións existen problemas: ou non quedan horas dispoñibles, ou hai que esperar máis de dúas semanas ou ben che dan unha cita noutro lugar lonxe do domicilio.

Así mesmo, desde a pandemia xa non se pode acudir directamente a unha oficina da DXT para realizar calquera dos trámites habituais. “Debe deixar de ser obrigatorio pedir cita previa para todo tipo de trámites ben a través do teléfono 060 ou na súa páxina web, porque isto provoca que se converta nun proceso de insistencia e cando se logra contactar aparecen os problemas de diferente tipo” sinala a senadora do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG