O Bloque Nacionalista Galego solicitou a comparecencia no Congreso da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que explique as accións iniciadas polo Ministerio tras o derrube producido do viaduto do Castro na A-6 e dea información completa sobre as circunstancias que rodean este feito. Así mesmo, rexistrou preguntas por escrito para coñecer do MITMA toda a información sobre a construción inicial e o proceso de detección dos danos, así como a necesaria investigación sobre as causas últimas para, se for o caso, depurar responsabilidades se se detectar algún tipo de neglixencia na execución da infraestrutura.
“O colapso dun tramo de 50 metros do viaduto do Castro, na A-6, é un feito sen precedentes próximos no Estado español e que se produce nun momento en que estaba sendo xa reparado. O Ministerio de Transportes tardou un día en fechar o viaduto paralelo e a única información que se difunde é que existía un vicio oculto, estrutural, mais non achegan máis datos” recrimina o deputado nacionalista para explicar a solicitude de comparecencia rexistrada polo BNG. “É necesaria absoluta transparencia mais o Goberno está optando polo ocultismo sobre as causas reais do derrubamento” sinala.
A organización nacionalista quere saber cales foron as causas dun colapso do viaduto que, por fortuna, non provocou vítimas e mesmo se “ese problema estrutural ten a ver con que a empresa construtora non seguise o proxecto construtivo ou se existe unha responsabilidade por parte do Estado”, subliña o deputado do BNG.
“Existe unha razoábel preocupación na cidadanía”, indica Rego, polo que, a xuízo da organización frentista debe ser facilitada información a respecto do proxecto de construción, quen foi a empresa adxudicataria -ou subcontratadas-, prazo de execución, data de entrega e inspeccións e informes públicos durante o proceso e antes da recepción da obra. Tamén debería existir completa transparencia sobre a forma e momento en que se detectaron eses fallos ou deficiencias estruturais cualificados como graves polo Ministerio e que xustificaron o fechamento do viaduto e a decisión de executar as reparacións
“Queremos que se garanta que o problema que existiu neste punto concreto da A-6 non existe noutros tramos desta infraestrutura. Exiximos garantías de total seguranza nesta infraestrutura e por iso solicitamos unha auditoría completa dos viadutos, pontes e túneles da A-6 e das vías dependentes do Ministerio no noso País” reclama Rego.
Esta inspección ou auditoría do resto de tramos da A6, sobre todo dos executados no mesmo período que o tramo derrubado e nas mesmas condicións ou licitación, debe servir, a xuízo do BNG, para asegurar o correcto estado de mantemento da infraestrutura e, se for o caso, a detección precoz de posíbeis deficiencias que poidan corrixirse sen pór en perigo a seguranza das persoas usuarias.
Alén do máis, o deputado demanda información do Ministerio para coñecer como resolverá o problema de comunicación no acceso á Galiza polo O Bierzo desde León. Este suceso volta a pór de relevo a situación das comunicacións con Galiza e dentro dela, xa que a A-6 une diferentes municipios galegos de importancia, e supón unha vía indispensábel nos desprazamentos diarios de moitas persoas usuarias.
Segundo explica Rego, o colapso desta infraestrutura é “un tema de gran preocupación no noso País e cremos que non só se deben dar explicacións senón que é preciso reclamar as responsabilidades pertinentes de detectarse algún tipo de neglixencia”.