O BNG solicita a comparecencia de Margallo e pide que se aposte polo diálogo

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente do Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, para que informe da posición do Goberno español ante a posibilidade dunha intervención militar armada en Siria liderada por EE.UU.

Non a unha intervención militar armada.

Rosana Pérez afirma que “o BNG se opón frontalmente a unha intervención armada en Siria posto que a historia recente, caso do Iraque ou Afganistán, ten demostrado que empiora a situación dos países, ademáis de que xa non son tempos de resolver os conflictos a cañonazos e con misís que sempre teñen efectos colaterais destructivos e devastadores, co perda de vidas humanas”.

O democrático: debate no Congreso

A parlamentar nacionalista demanda ao Goberno que calquer decisión desa índole “pase polo Parlamento do Estado. Ten que haber un debate e unha votación a semellanza do que se fai noutros países e Parlamentos europeos. É o democrático. As distintas formacións políticas debemos manifestar a nosa visión no lugar onde reside a soberanía popular”.

Rosana Pérez demanda ao Ministro de Exteriores que “realice xestións ante a ONU para que se respecte a legalidade internacional vixente e se permita traballar co tempo necesario e sen presións aos observadores da ONU”. Asemade, pide ao titular da carteira de Exteriores que “se esgoten todos os esforzos posíbeis para que a situación do pais sirio se resolva pola vía diplomática, sen invasións militares cuxas consecuencias recaen sempre sobre a poboación, e se aposte polo diálogo como instrumento de resolución dos conflictos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG