O Grupo parlamentario do BNG acusa a Pilar Rojo de criminalizar aos afectados pola crise aos que ademais nega o seu acceso ao Parlamento conculcando dereitos elementais da cidadanía
O BNG anuncia que será insubmiso ao secuestro do Parlamento igual que hoxe ao facilitar a entrada dos traballadores de Navantia e das Universidades públicas á tribuna do público no hemiciclo porque os deputados e deputadas do BNG consideran que é un dereito fundamental participar en democracia e acceder ao Parlamento.
O BNG asegura que a presidenta comete un grave erro ao vulnerar o regulamento segundo lle conveña conculcando os dereitos da cidadanía galega e lembra que a propia Pilar Rojo, encabezou no mes de novembro de 2005, unha rebelión de máis de 200 altos cargos do Partido popular para tomar o Parlamento galego.
Para BNG, o Partido popular non pode criminalizar a xente afectada pola crise e moito menos, responder co peche do Parlamento galego negando o acceso ás sesións plenarias e grupos parlamentarios onde se deciden as leis que marcarán o futuro de Galiza.
Debates clandestinos só para o PP
O BNG rexeita que a presidenta da Mesa do Parlamento, seguindo fielmente as directrices de Núñez Feijoo, pretenda converter a cámara galega e as sesións plenarias en debates clandestinos aos que só poderán acceder invitados do Partido popular.