O concelleiro do BNG Rafael Vilar sinalou que o texto definitivo da ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública contempla cambios relativos á eliminación do cobro pola realización de actos de asociacións sen ánimo de lucro, de acordo coas alegacións presentadas por diversos colectivos da cidade e coa defensa do BNG perante as pretensións do Goberno local do PP, que serviron para corrixir parte desta normativa.
Rafael Vilar sinala que o Goberno local tivo que ceder ás presións sociais para modificar o texto da normativa porque introducía limitacións a dereitos fundamentais que cernan liberdades públicas, ao limitar o dereito de reunión, de participación e de liberdade de información á cidadanía. Como positivo, o Goberno local veuse forzado a rectificar na súa pretensión de cobrar por instalar mesas informativas e por actos públicos organizados por colectivos, recoñeceu.
Aínda así, a discrepancia do BNG está no feito de cambiar a denominación de fianza polo eufemismo garantía que se pode requirir para conceder a autorización para desenvolver actividades e tampouco o feito de que se manteñan as autorizacións en precario coa aplicación de criterios discrecionais por parte dun membro da Corporación municipal, segundo explicou o concelleiro nacionalista.
O BNG e a presión social conseguiron que o Goberno municipal rectifique no afán de recadación da ordenanza de ocupación e uso da vía pública
Outras diferenzas expresadas polo BNG con esta ordenanza refírense a aspectos concretos como a falta de regulación da actividade de músicos e músicas de rúa, nin a expresión artística na cidade, nin a venda de recordos turísticos. No texto definitivo mantense, así mesmo, a prohibición de xogar fóra dos lugares habilitados.
Para o BNG, ademais de forzar a rectificación da intención inicial do Goberno local do PP, foi fundamental a oposición manifestada polo tecido asociativo da cidade na modificación daqueles artigos da ordenanza que podían vulnerar o dereito de expresión para desenvolver as súas actividades.