O BNG salienta a necesidade de potenciar os medios de comunicación en galego

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e mais a deputada Montse Prado reuníronse na mañá de hoxe cunha delegación da Asociación de Medios en Galego, unha xuntanza na que os nacionalistas puxeron en común cos xornalistas a necesidade de impulsar e potenciar os medios en galego, así como de dignificar a nosa lingua.

Nesta liña, os nacionalistas abogaron por que as institucións apoien estes medios e por que as axudas públicas que contemplan os orzamentos para os medios de comunicación se tramiten coa máxima transparencia. Sinalaron, ademais, que as axudas públicas da Xunta de Galiza deben ter como un dos criterios prioritarios a promoción da lingua e da cultura.

Tamén propuxeron que se desenvolva unha nova Lei de Publicidade Institucional na que prime a transparencia e que teña en conta todo o espectro dos medios que comunican en galego.

Ademais, Francisco Jorquera e Montse Prado, que defenderon a consolidación dun espazo de comunicación en galego para que a nosa lingua adquira un rango social de normalidade, advertiron da necesidade de fomentar a estabilidade laboral das persoas que traballan nestes medios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG