Para a deputada do BNG, Tereixa Paz, o texto é un lifting da anterior lei de concentracións parcelarias que non presenta ningunha novidade para impulsar a economía do medio rural nin saca da hibernación o Banco de Terras
Pleno.- A portavoz de Agricultura e deputada do BNG, Tereixa Paz anunciou o voto contrario do grupo parlamentario á tramitación do Proxecto de Lei do Partido popular de mellora da estrutura territorial agraria de Galiza.
A parlamentaria, que presentou unha emenda de devolución do texto na Comisión de Agricultura, afirmou hoxe que calquera lei que pretenda actuar sobre a base territorial e impulsar un efecto positivo sobre o medio e economía rural debe partir dunha análise dos principais problemas neste eido.
O BNG denuncia o abandono progresivo da superficie agraria útil
En Galicia explicou, tiñamos, segundo o censo agrario, 80.000 explotacións cunha perda dun 3,6% cada ano, unha superficie agraria útil en abandono progresivo.Na última década produciuse a a desaparición do 7, 05%, da superficie apta para producir alimentos. Simultaneamente en Galiza,engadiu, as explotacións agrarias son as que teñen menos superficie agraria a súa disposición cunha media de 8,15 hectáreas de superficie útil fronte a Cantabria cun 24,48%, ou en Francia que superan o 54% e Dinamarca o 63%.
Estes, dixo, son os verdadeiros problemas que inciden na falta de dinamismo económico no medio rural ao que sumou o problema demográfico e envellecemento da poboación.
Nun país normal, cun Goberno normal, afirmou , unha lei que se denomina de modificación da estrutura agraria debería contemplar os aspectos nomeados pero só incide na fragmentación da propiedade e para o único que serve esta lei, é para que un propietario ou propietaria con dez parcelas poida agrupalas en unha coa mesma cantidade de superficie pero sen incrementar a superficie útil.
O Goberno galego despreza a capacidade produtiva da terra en Galiza
Galiza non pode permitirse o luxo de perder a súa capacidade útil para producir e xerar riqueza deixándoa no abandono. Esta lei, sentenciou, debería ser un elo máis dentro dunha política global para dotar as explotacións da máxima cantidade de terra.
A deputada lembrou que nos diversos debates de investidura de Feijóo, o Presidente da Xunta comprometeuse a elaborar unha lei para poñer fin a situación actual, pero o que temos, é unha lei de modificación de concentracións parcelarias sen medidas novas que dinamicen o mercado da terra.
Tereixa Paz pediu máis recursos humanos e medios para reducir os prazos das concentracións parcelarias para axilizar os procesos. Nós, concluíu, consideramos que a lei que será aprobada hoxe debería ir acompañada do Banco de terras que o PP ten hibernado, máis instrumentos para actuar sobre a propiedade forestal e diminuír os custes das explotacións agrarias.