parlamento galego

BNG rexeita o proxecto de lei de Cultura Inclusiva porque é “incoherente, irrelevante e ineficaz” e fíxose á marxe do sector

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas critica que a norma non supoña medidas concretas para a súa posta en práctica nin vaia acompañada de compromisos orzamentarios

Anuncia que o BNG traballa xa nunha lei galega “realmente inclusiva” para facer accesíbel a cultura á sociedade e eliminar toda desigualdade e discriminación   

A deputada do BNG Mercedes Queixas cualificou de “incoherente, inconcreto, irrelevante e ineficaz” o proxecto de lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galiza, debatido este martes no Pleno do Parlamento. Un proxecto que, criticou, fíxose sen contar co sector da cultura e “carece dun contido claro que comprometa tanto a actuación das institucións públicas como de axentes privados para atinxir os obxectivos de inclusión social que propugna”.

Queixas, encargada de defender a emenda á totalidade presentada polo BNG a este proxecto de lei, asegurou que o texto presentado “non responde minimamente” ao seu título e é incoherente porque “abrangue a inclusión sen atender á transversalidade” e porque chega ao Parlamento sen que o sector da cultura nin tan sequera fose informado.

O proxecto de lei é ademais de “inconcreto” porque foi concibido como “unha desiderata”, un “conxunto de desexos e lugares comúns que, para alén da súa formulación formal, non supón medidas concretas para a súa posta en práctica”. “Nace unha lei sen expectativa”, reprobou a deputada nacionalista, lembrando as críticas feitas polo propio Consello Económico e Social respecto á falta dun plan de acción, estratexia medios e persoal necesarios para o seu desenvolvemento.

Queixas advertiu así mesmo de que o PP “non asume o compromiso orzamentario preciso para facer efectiva a lei “máxime para casos que teñen a ver con colectivos con dificultades”. “O seu contido é máis propio dun texto programático ou dun preámbulo dun plan que puidera aprobarse sobre a materia que dun texto legal”, apuntou ao respecto.

Para o BNG, agregou, o proxecto presentado é tamén “irrelevante” pois “non é garante de ningún  dereito que non estea protexido pola Lei de Inclusión ou Lei de Accesibilidade” e porque tardará, como mínimo, dous anos en poder activarse. Este é o prazo que se contempla, explicou, para a elaboración dun Plan de accesibilidade e de inclusión cultural ou para a creación dun Observatorio  da Cultura Inclusiva.

“Cómpre abordar a inclusión na cultura de todas as persoas nas que concorra algún risco de exclusión nun sentido amplo, mais este proxecto non articula ningún beneficio ou mellora do interese xeral”, engadiu Queixas, para quen desenvolver os principios que se recollen na norma vai “depender da vontade do executivo e, polo tanto, da discrecionalidade”.

A emenda á totalidade do BNG está sustentada en informes do Consello da Cultura Galega, da SXI ou de entidades do sector social, informes “desatendidos” polo PP que “falan de previsións xerais insuficientes que non xeran efectividade por si mesmas respecto dos dereitos culturais das persoas con discapacidade e non integra ningunha medida de acción positiva a respecto do sistema educativo”. Tampouco hai, lamentou a deputada nacionalista, unha análise sobre a situación das persoas con discapacidade no eido cultural.

Queixas aproveitou o debate no Pleno para anunciar que o BNG presentará un proxecto de lei “realmente inclusivo e accesíbel da cultura para a sociedade galega”, unha norma galega de dereitos culturais de Galiza “transversal e capaz de garantir a igualdade real e material, en todo o territorio galego e que sexa quen de eliminar todo tipo de desigualdade e discriminación”, precisou.

A deputada do BNG fixo balance sobre as leis aprobadas polo PP como mostra do que lle espera a esta nova norma. Lembrou, neste sentido, que a Lei de Museos, que naceu baleira de contidos, “non tivo o máis mínimo desenvolvemento”, e tampouco se cumpriu coa Lei do Libro e da Lectura nin coa Lei de Bibliotecas, a de Arquivos nin o plan de danza. “Aproban leis para non se cumpriren”, laiouse.  

“Galiza non pode quedar atrás en xeración de cultura nin pode deixar ninguén atrás”, concluíu Queixas, convencida de que “é agora o tempo dun goberno alternativo liderado por Ana Pontón que se dea a man á cultura galega”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG