BNG rexeita a proposta do Goberno de aumentar o período de cómputo das pensións a 30 anos

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista denuncia a pretensión de baixar as pensións futuras e reclama un modelo máis xusto e redistributivo con medidas como a suba das pensións mínimas e a rebaixa do período de cómputo de xubilación a 10 anos

“O Goberno, que se di de progreso, vai na dirección equivocada e, nese sentido, atoparase coa oposición do BNG neste Congreso e nas rúas” afirma Rego

O Bloque Nacionalista Galego rexeita a nova reforma das pensións anunciada polo Ministro de Seguranza Social para subir o período de cálculo a 30 anos e destopar as pensións máximas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno un modelo de pensións “máis xusto e redistributivo” a través da suba das pensións mínimas ou reducir o período de cálculo a 10 anos, permitindo escoller os máis favorábeis ao traballador ou traballadora.

“A nova reforma das pensións de Escrivá é regresiva e súmase ás anteriores aprobadas polo Goberno do Estado. O BNG rexeitará esta nova medida do executivo que, ademais, vai acompañada da intención de destopar as pensións máximas” explica o deputado nacionalista despois de coñecer o anuncio realizado polo Ministro da carteira de Seguranza Social.

Para a frente nacionalista, o anuncio de aumentar o período de cálculo suporía unha importante caída da contía das pensións futuras. “Aumentar de 25 a 30 supón baixar as pensións futuras. Non compartimos o argumento de que isto pode beneficiar a aquelas persoas que teñen carreiras laborais irregulares e, en todo caso, prexudica aquelas que teñen carreiras regulares” recrimina o deputado do BNG.

“O que verdadeiramente favorecería a todas as persoas -foren as súas carreiras laborais regulares ou irregulares- sería reducir o período de cálculo -hai que lembrar que, antes das reforma de 2011 este período estaba en 15 anos- e permitir escoller os mellores anos da vida laboral” apunta Rego.

Néstor Rego recorda que a promesa dos partidos que conforman o Goberno “era subir as pensións mínimas. Pola contra, parece que agora a prioridade é subir as pensións máximas, afondando nas desigualdades”.

Subir as pensións mínimas, explica o deputado da frente nacionalista, permitiría reducir as dúas fendas existentes: a de xénero e a territorial. Por unha banda, os datos mostran que as mulleres teñen as pensións medias máis baixas. E, por outra banda, a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado español. “Ourense e Lugo sitúanse por debaixo de 1.000 euros de media e, concretamente, a de Ourense é inferior a 900 euros, case 700 euros máis baixa que o territorio coa pensión media máis alta: Biscaia” salienta.

“En vez de ir a un modelo máis xusto e redistributivo, o Goberno quere aproximarse a un modelo de capitalización das pensións se sumamos a esta medida os plans de pensións de emprego” sinala.  De facto, o deputado nacionalista lembra que o BNG xa se opuxo ao resto de reformas aprobadas polo executivo en materia de pensións. “A primeira, a Lei de Reforma de Pensións que consolida os elementos máis regresivos da reforma de 2011 como a suba da idade de xubilación a 67 anos, a penalización da xubilación anticipada mesmo tendo cotizados 40 anos ou a introdución do mecanismo de equidade interxeracional” destaca. No relativo á creación dos plans de pensións de emprego, o BNG presentou unha emenda á totalidade de devolución xa que esta reforma  abre a porta á privatización do sistema público de pensións.

“O Goberno, que se di de progreso, vai na dirección equivocada e nese sentido atoparase coa oposición do BNG neste Congreso e nas rúas” enfatiza Rego, que chama a participar de maneira masiva na mobilización nacional convocada pola frente nacionalista para o vindeiro 18 de decembro en Santiago de Compostela. “Cremos que existen alternativas para que esta crise non a paguemos as clases populares, os traballadores e traballadoras. Queremos unha saída social e xusta a esta crise” reclama.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG