O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, expresou o rexeitamento total ao novo recorte nas pensións que suporía o anunciado aumento do período de cálculo até 35 anos como resultado da exixencia da Unión Europea. Rego salienta que suporía unha caída nas contías de, no mínimo, 6% e lembra que a frente nacionalista ten presentado emendas ao Proxecto de Lei do Goberno para reverter os recortes dos anos 2011 e 2013.
As medidas anunciadas polo Goberno español sobre as pensión implican consolidar os recortes producidos en anos anteriores e acrecentar outros novos. O Proxecto de Lei do Goberno, actualmente en tramitación, non recupera a idade da xubilación aos 65 anos, tampouco o período de cálculo anterior, penaliza a xubilación anticipada -mesmo con 40 anos cotizados- e incentiva a xubilación demorada.
Agora anúncianse novos recortes, que se presentan como exixencia da UE para liberar os fondos Next Generation. O aumento do período de cálculo para 35 anos suporía unha caída das contías das futuras pensións de, no mínimo, 6%. “Rexeitamos rotundamente este novo recorte nas pensións. E non só, o BNG reclama -como fixemos con emendas- reducir ese período a 10 anos, estabelecendo que as persoas poidan escoller os mellores da súa historia laboral”, sinala Néstor Rego.
O deputado nacionalista alerta para a ameaza aínda de novos recortes, particularmente pola vía do chamado Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI), tamén anunciado polo Goberno, e que castigaría especialmente a chamada ‘xeración do baby boom’. “Nós apostamos por recuperar dereitos; polo que vemos, o Goberno de coalición PSOE-Podemos, segue lamentablemente o camiño dos recortes practicados polos gobernos anteriores”, subliña.
Rego lembra que o BNG ten presentado unha batería de emendas ao Proxecto de Lei do Goberno para reverter os recortes producidos nas reformas de 2011 e 2013 e para evitar outros novos. “Recuperar a idade de xubilación aos 65 anos favorecería a incorporación de mocidade ao mundo laboral, o que é fundamental tendo en conta que existe 40% de paro xuvenil”, salienta. Así mesmo, a formación nacionalista urxe eliminar o incentivo para que a xente se manteña traballando máis alá da idade legal de xubilación “e se recupere a xubilación anticipada, sen penalización, a partir dos 35 anos cotizados”.
Aliás, o deputado do BNG reclama aumentar as pensións mínimas “até equiparalas a 60% do Salario Medio”, o que favorecería superar as fendas existentes: a de xénero e a territorial. “Cabe lembrar que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas e Ourense as máis baixas de todo o Estado” subliña Rego.
O deputado nacionalista anuncia que o BNG vai traballar en todas as institucións en que ten presenza e tamén na rúa -apoiando as mobilizacións que puideren ser convocadas- para frear os novos recortes nas pensións que pretende aplicar o Goberno español.