O Bloque Nacionalista Galego rexeita a implantación de peaxes nas autovías gratuítas e autoestradas sen concesión de titularidade estatal e insta o Goberno do Estado a abandonar a proposta emanada da Unión Europea. Para o deputado do BNG, Néstor Rego, esta medida estaría fortalecendo “un sistema de sociedade a dúas velocidades: estradas de altas capacidades para quen poida asumir o pago de taxas e estradas convencionais obsoletas para as maiorías sociais”. Neste marco, engade, habería territorios, como a Galiza, máis prexudicados, posto que non contan con alternativas de transporte público como un servizo ferroviario digno.
O BNG, após coñecer que o Goberno do Estado non implantará en 2024 o cobro de taxas nas autovías que actualmente son gratuítas e as autoestradas sen concesión, rexistra iniciativas para asegurar que o executivo estatal abandone a idea de implantar esta medida imposta pola Comisión Europea. De levarse a cabo, alerta o deputado nacionalista, suporía un enorme prexuízo tanto para as economías domésticas como para o transportes de mercadorías, autónomos ou pequenas e medianas empresas.
“Un sistema dese tipo levará ao estabelecemento de sociedades a dúas velocidades: estradas de alta capacidade para quen poida asumir o custo das portaxes e estradas convencionais obsoletas para as maiorías sociais que non poden asumir máis custos” apunta Rego.
Alternativas de transporte público adecuadas na Galiza
O BNG, consciente do negativo efecto que suporía esta medida, xa presentara en outubro de 2021 varias proposicións non de lei e preguntas para que o Goberno español abandonase unha medida deste tipo. Sobre todo, lembra Rego, para territorios como Galiza que precisan de maior investimento para a mellora e modernización da rede ferroviaria e outros transportes públicos, o impulso da rede ferroviaria de mercadorías, e a implantación do servizo de proximidade.
“Se o Goberno pretende de verdade convencer a Comisión Europea, debe apostar por aumentar os investimentos no ferrocarril, especialmente nos servizos de proximidade e de media distancia” asevera. Para retirar os vehículos das estradas hai que contar con alternativas de transporte público adecuadas. “Ese é un dos eixos nos que o Goberno debe empeñarse” sinala.
A Galiza, continúa, carece de tren de proximidade, e aínda que o executivo español alegue que o Eixo Atlántico ferroviario é un eixo que comunica cidades desde A Coruña a Vigo, non comunica as áreas metropolitanas coas cidades, ademais de excluír urbes como Ferrol ou Lugo. Sen esquecer, a necesidade de impulsar e mellorar a antiga FEVE que vai de Ferrol até Ribadeo, cuxa modernización leva anos de reivindicacións.
Promoción do transporte público colectivo: continuidade das medidas
As medidas estabelecidas polo Goberno de gratuidade do transporte ferroviario de proximidade, de tramos de media distancia e de rebaixas noutras conexións ferroviarias, así como en liñas de bus xestionadas pola Administración central, “teñen data de caducidade e será o vindeiro 31 de decembro deste ano”. Os resultados son elocuentes: “incrementouse o número de usuarios do transporte por ferrocarril e reduciuse o uso de coches para a mobilidade diaria”.
“É evidente que para fidelizar usuarios e usuarias do transporte público é fundamental que se prime o criterio de servizo público por encima de criterios economicistas ou comerciais” . En palabras do deputado do BNG, a gratuidade ou unha política tarifaria con prezos reducidos ou accesíbeis “é unha pedra angular para que a poboación decida empregar o transporte público e abandone o coche particular”.