BNG require ao Goberno apostar polo transporte público na nova “Lei de Mobilidade Sostíbel”

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego alerta da posíbel supresión de paradas no transporte colectivo por estrada na Galiza de non rectificar o mapa proposto polo MITMA

Reclama a aposta firme e decidida polo reforzo e incremento dos servizos ferroviarios na Galiza, así como implantar o servizos de cercanías nas áreas de influencia das principais cidades

A frente nacionalista demanda eliminar toda proposta de implantar o pago por uso das vías de alta capacidade que suporán un grave prexuízo para o País

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado modifique o Proxecto para asegurar que a futura Lei de Mobilidade Sostíbel aposte de maneira clara e decidida polo transporte público e colectivo de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación e ás características propias da Galiza, especialmente á dispersión poboacional, as características do servizo e das súas interconexións. Alén do máis, Rego reclama incrementar os servizos ferroviarios na Galiza e implantar un servizo de proximidade nas principais cidades e as súas áreas de influencia, así como tamén exixe eliminar a proposta de implantar o pago por uso das vías de alta capacidade atendendo ao grave prexuízo que tería para o País, altamente dependente do transporte por estrada.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está elaborando o Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostíbel que ten di ter por obxecto adaptar as políticas públicas de transporte e mobilidade ás necesidades reais das e dos cidadáns e aos retos do século  XXI. Porén, a pesar desas declaracións de intencións, o contido dos plans de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, “van en sentido completamente contrario”. O mapa de liñas deseñado polo INECO suporá un drástico recorte nas paradas, que quedarán reducidas á metade, “e isto obrigará aos pasaxeiros das poboacións con menor demanda a utilizar outras conexións con autobuses de competencia autonómica -se é que esta existe- ou a recorrer ao vehículo privado”.

“No caso da Galiza prevese unha redución de paradas nas liñas que percorren a A-6 e a A-52, principalmente, e van quedar afectados os concellos de Guitiriz, ou Corgo, Baralla, As Nogais, Chantada, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso e Pedrafita en Lugo;  Rivadavia, Allariz, Trasmiras, Riós, A Mezquita ou A Rúa en Ourense; así como a Arzúa e Melide na Coruña e a Forcarei; e Silleda ou Lalín en Pontevedra” enumera o deputado do BNG.

Lugo, segundo explica Néstor Rego, será a zona máis afectada nesta supresión de liñas e, ademais, é o territorio que sofre un maior atraso en infraestruturas ferroviarias de proximidade e de conexións a través de vías se alta capacidade. “Con esta reforma pasaríase dunhas 15 paradas a tan só 6, deixando a gran parte do territorio coa parada máis próxima a máis de 30 ou 40 km de distancia” denuncia. 

“O Goberno debe modificar o plan aprobado e reconsiderar a proposta inicial de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada e evitar a perda ou redución dos xa escasos servizos existentes” demanda o deputado do BNG. Rego, ademais, reclama reformular o proxecto para que na futura Lei quede explicitamente claro que “se debe apostar polo transporte público de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación as características do servizo e das súas interconexións, especialmente atendendo á dispersión da Galiza”.

Debe terse en conta que o Anteproxecto só considera o transporte ferroviario eficiente cando existe un alto nivel de utilización, pero non o considera unha opción viábel, incomprensibelmente, no caso de territorios con baixas densidades de poboación, esquecendo a necesidade de garantir un servizo básico esencial. Así, no caso das poboacións dos territorios de Galiza que máis acusan o efecto do despoboamento, verán como se reducen os servizos de transporte por estrada ao mesmo tempo que non contarán co compromiso de mellora das infraestruturas ferroviarias.

“Con estas medidas abócase indefectibelmente a seguir necesitando o vehículo privado para os desprazamentos, mais para iso tamén deberán enfrontarse coa decisión do executivo de estabelecer un pago por uso de vías de altas prestacións, o que supón unha grave discriminación no caso da Galiza” enfatiza Rego. De facto, non existen alternativas de transporte viábeis distintas do uso das estradas, tanto para os desprazamentos dos cidadáns como para o transporte de mercadorías, o que suporá, ademais un obstáculo para a competitividade das empresas galegas.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG