O deputado do BNG, Iago Tabarés reprochou á Xunta a súa negativa a ofrecer información sobre as irregularidades detectadas nas residencias de maiores de Ourense e, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, afirmou que estas irregularidades constatan “a vulneración dos dereitos e benestar dos maiores residentes nos centros” e os dereitos dos deputados e deputadas a contar coa información necesaria para desenvolver o seu labor.
A Xunta, dixo, nega “de maneira sistemática” a información que reclamamos ante feitos “graves” así como das actuacións do goberno tras ser detectadas estas irregularidades.
Na súa intervención, o deputado nacionalista trasladou á Secretaria de Política Social o malestar do BNG ante o que considerou un dereito fundamental que está a ser vulnerado e preguntou que teme o goberno galego “para agochar esta información ao Parlamento e a cidadanía”. Para o deputado, a Xunta incorre nun “incumprimento” que prexudica ao “sistema democrático é representativo dos deputados e deputadas e ás persoas usuarias das residencias.”
A xuízo do nacionalista, que o goberno “agoche información” evidencia a súa intención de “beneficiar á empresa responsable”.
Vostedes, reiterou Tabarés, queren evitar que a cidadanía coñeza as condicións de determinadas residencias e permitir que as empresas ou entidades concesionarias “podan seguir facendo negocio”. O PP, denunciou o , “prioriza o negocio dalgúns sobre os dereitos das persoas residentes nos centros”.
O incumprimento do contrato debe conlevar a resolución e sancións
Por outra parte sinalou que “os incumprimentos detectados pola xunta de Galiza tiñan que ser comunicados ás entidades locais” pola relación contractual coa empresa e eses incumprimentos podía dar lugar “á resolución dos contratos ou á imposición de sancións”.
Neste sentido, o parlamentario volveu a preguntar pola empresa cuxos incumprimentos e infraccións agocha a Xunta e afirmou que “é a mesma sobre a que xa advertira o consello de contas que era irregularmente beneficiada pola Deputación de Ourense no 2018, e unha das principais adxudicatarias “a dedo” pola institución provincial nos anos 2019, 2020 e 2021”.
Iago Tabarés lamentou que, unha vez máis, a secretaria Xeral de Política social eludira responder ás preguntas formuladas e avanzou que o BNG continuará rexistrando iniciativas polos dereitos das persoas maiores residentes nos centros e o dereito a “unha vellez digna”.