A Coruña, 5 de outubro de 2014- Unha ampla representación do Bloque Nacionalista Galego, entre a que se atopaba o secretario de Organización, Bieito Lobeira, o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, a representante nacionalista no Parlamento europeo, Ana Miranda, a deputada no Parlamento de Galiza Carme Adán ou o portavoz no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, participou na manifestación antitaurina que tivo lugar na mañá de hoxe na cidade da Coruña para reivindicar, máis unha vez, a erradicación das touradas na Galiza.
En declaracións aos medios, Jorquera avogou pola abolición das touradas no noso país dado que se trata dun espectáculo cruel baseado na tortura e no maltrato animal e que non forman parte da nosa tradición cultural. Na mesma liña, sinalou que introducir de xeito artificioso as touradas en Galiza responde a un intento de colonizarnos culturalmente e cualificou de absolutamente indecente soster con cartos públicos estes espectáculos bárbaros que non forman parte da nosa cultura. O parlamentar do BNG denunciou que o Goberno de Carlos Negreira subvenciona indirectamente as corridas de touros na Coruña con perto de 100.000 euros, uns cartos que o Grupo Municipal do BNG solicitou destinar á compra de libros de texto e ás bolsas comedor.
O BNG tense pronunciado en numerosas ocasións en contra da celebración de touradas e ten presentado numerosas iniciativas, amais de no Concello da Coruña, no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo co fin de procurar a prohibición destes espectáculos e de cortar as axudas públicas que aseguran a súa viabilidade económica. Neste sentido, o Bloque seguirá traballando até conseguir unha Galiza libre de touradas. E é que en Galiza, salientan os e as nacionalistas, hai un consenso social contra as touradas igual de maioritario que o de Catalunya ou o das Canarias.