BNG recrimina á Xunta que siga dilatando o acceso aos datos de falecementos por COVID nas residencias de maiores

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica ao Goberno do PP que leve dous anos negando o dereito do Parlamento e da cidadanía a acceder a información que é pública

A portavoz nacionalista de Dereitos Sociais, Olalla Rodil, recriminou á Xunta que siga dilatando o acceso aos datos das persoas falecidas por COVID nas residencias de maiores, logo que o PP vetara no Parlamento galego unha nova iniciativa do Bloque para remitir a información á Cámara no prazo dunha semana pero si aceptara achegala a finais de ano, nun acordo entre PP e PSOE ao que a formación nacionalista tamén facilitou o seu apoio.

Durante o debate na comisión parlamentaria de Sanidade, Rodil reprobou con severidade que o Executivo galego leve “dous anos, 730 días” utilizando “todos cantos atrancos tiveron da súa man e puideron poñer” para non facilitar os datos de falecementos nas residencias galegas desagregados por centros e dar resposta, non só aos requirimentos da “Cámara na que reside a soberanía deste País” a ter unha “fotografía completa” do acontecido nas residencias, senón ao “dereito inherente de calquera cidadá ou cidadán nun sistema público a poder acceder a información pública”, tal e como ratificou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

A deputada nacionalista recalcou que o Goberno galego xa non tiña “ningún impedimento legal" como pretendía facer ver o PP para responder á solicitude de información requirida polo BNG o 8 de agosto deste mesmo ano polo artigo 9 do Regulamento parlamentario, xa que os datos estaban publicados dende o día 9 de agosto “despois de que se resolveron todos os recursos presentados polas empresas privadas, nomeadamente DomusVi”.

“Levan negando o acceso a estes datos, por activa e por pasiva, dous anos, mesmo usando argumentos tan peregrinos como que había que refacelos e entón non se podían dar”, reprochou para manifestar a continuación as súas dúbidas sobre se era “escurantismo, ocultismo, vagancia ou o desprezo máis absoluto polo dereito democrático a saber”.

Logo de lembrar que o PP non só se negara “unha e outra vez” a facilitar os datos de falecementos desagregados por residencias, senón tamén o acceso ás actas de inspección ou aos expedientes sancionadores, Rodil evidenciou con outros exemplos o veto sistemático ao dereito de acceso a información pública que exerce a formación que sustenta ao Goberno galego.  “Este é o modus operandi do PP, que considera este País e este Parlamento a súa leira e que pode facer coa leira o que lle dá a gana”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG