BNG recriminou á Xunta no Parlamento galego o incumprimento sistemático dos acordos acadados co voto a favor do PP para mellorar a sanidade pública na Mariña que, na actualidade, non mudou en nada “o colapso diario no hospital de Burela onde, ao igual que nos centros de saúde, seguen sen cubrirse nin as baixas, nin as vacacións nin as prazas”.
“As derivacións a Lugo e a ausencia de servizos seguen aí e, o que é peor, non melloraron nin o que se comprometeron a mellorar”, reprochou o deputado nacionalista Daniel Castro ao conselleiro de Sanidade nunha pregunta parlamentaria na que recordou que o PP votou a favor da recuperación do servizo de HADO/Paliativos en todos os concellos do distrito sanitario “e segue estando só en catro”; da cobertura de todas as prazas coas que contaba o servizo de radioloxía do hospital comarcal “e segue habendo dúas traballadoras, con sorte 3 algúns días da semana, dos cinco co que conta o servizo”; e do cribado íntegro de cancro de mama na Mariña sen ningunha derivación a Lugo “e ata o último día do proceso seguiron derivando pacientes a Lugo”.
Nesta liña, Castro advertiu que a lista de espera para ecografías remóntase a máis dun ano -“hai xente agardando dende agosto de 2020 por unha ecografía!”, censurou- e que o hospital de Burela está inmerso en tan nivel de colapso que hai pacientes oncolóxicos que chegan ao centro por outras patoloxías e marchan “seis horas despois” sen ser atendidos.
A pregunta que tiñamos rexistrada era se están dispostos a levar a cabo unha mellora na sanidade pública da Mariña que implique máis orzamento, máis persoal sanitario e máis servizos, pero vendo que non levan a cabo nin o que votan a favor, eu xa prefiro preguntarlles se son conscientes desta realidade e están dispostos a recoñecela”, criticou con severidade.
Ante as evasivas do titular de Sanidade escudándose unha vez máis, entre outras cuestións, na falta de médicos e médicas, o deputado nacionalista cuestionou as condicións laborais que está a ofrecer o Goberno do PP ás e aos profesionais sanitarios. “Se vostedes tentan a un ou a unha profesional ofrecéndolles menos soldo para ser a única médica polas tardes para atender a 16.000 habitantes dunha localidade como Viveiro, ou para vir a San Cibrao, onde actualmente están coa metade do cadro de persoal, ou a Ribadeo, onde falta máis dun cuarto, se cadra isto ten algo que ver en que non haxa médicos e médicas e, por iso, a sanidade da Mariña está así a día de hoxe”, concluíu.