O BNG denunciou no Parlamento a situación de redución orzamentaria, “perda de relevancia” e situación “misérrima” do Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Dramático Galego (CDG). Así o cualificou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, que responsabilizou deste declive ao responsable da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.
Queixas emprazou ao Goberno do PP a “abrir un claro para o futuro do CCG e o CDG” e inquiriulle o porque duns “orzamentos máis altos da historia” cando, sinalou, “o PP colócaos ao servizo da planificación do desmantelamento das unidades de produción que é a base cultural dun país”. Unha diminución da liquidez que padece AGADIC no seu conxunto e que a deputada do Bloque tildou de “apéndice insignificante na Consellería de Cultura” e o acusou de “quere xustificar a perda de músculo económico e creativo das artes escénicas e do movemento a través do CCG e do CDG”.
O orzamento da Axencia en 2023, explicou Queixas, “é de 18.612.000 € cando no 2022 foi de 22.186.000 €, co que baixa nun 16,11% do ano pasado a este”. Un “illamento progresivo”, criticou, que se amosa na ausencia do CDG e o CCG no Plan Xeración Cultura e no Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030, ambos impulsados pola Xunta.
A portavoz de Cultura recriminou a Sutil a “falta de independencia do CDG desde a propia dirección e a falta de transparencia nas bolsas e coproducións”, que vencellou ás políticas duns Populares “que amosan a súa falta de confianza nas novas linguaxes das artes do movemento”.
Ademais, a esta “precaria” situación, cualificou a parlamentaria nacionalista, súmaselle a “desconexión” coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), que recunca “nunha fuga de talento mozo” e a falta de promoción de pontes entre os organismos culturais dependentes da Xunta e a propia CRTVG, que supón “un desfase desproporcionado entre o apoio á creación e á difusión. Imposíbel continuar a situación actual porque non é sostíbel: non se pode crear sempre, hai que distribuír a creación e favorecer a comunicación cos públicos”, demandou.
Queixas acusou a Sutil de “incapaz” para aprobar o Plan Integral da Danza, que foi aberto á participación en marzo de 2021 e do cal a Consellería de Cultura presentou un avance no Culturgal “que incluso foi retirado da web” e que, denunciou, non informou da súa presentación ao sector implicado nin ás persoas participantes, “polo cal non coñecemos nada del”, criticou.
A portavoz de Cultura concluíu a súa intervención defendendo a “alternativa do BNG” fronte os recortes e demandou “a plena recuperación destes centros, coa súa autonomía e todas as posibilidades para desenvolver os seus proxectos”.