parlamento galego

BNG reclamará á Xunta que non autorice novos eólicos no Morrazo e elimine a poligonal da comarca da súa planificación

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos advirte das “consecuencias letais” que tería para o medio, a economía e a veciñanza o proxecto macroeólico de Arena Power

O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento, en consonancia coas mocións presentadas nos concellos por parte da plataforma Eólicos No Morrazo Non, ante a “nova ameaza” que supón o novo proxecto macroeólico na comarca presentado por Arena Power, que “traería consecuencias letais” para o medio ambiente, a economía e a veciñanza do Morrazo.

Así o explica o deputado Paulo Ríos, quen avanza que o BNG exixirá ao Goberno do PP que “non permita ningún parque eólico na comarca” e que “a poligonal do Morrazo a nivel eólico desapareza da planificación da Xunta”.

Ríos refírese ao proxecto presentado no Rexistro Eólico de Galiza pola empresa Arena Power, que o pasado verán xa anunciou a súa intención de construír un parque eólico xunto cunha planta de baterías para almacenamento de electricidade en Lourizán, un proxecto ao que xa se opuxo con rotundidade a Mancomunidade de Montes Veciñais en man común do Morrazo, e máis concretamente as comunidades de Lourizán e San Xulián.

O deputado nacionalista advirte dos danos irreparables que causaría o proxecto, tendo en conta que a comarca só ten sete quilómetros de ancho e os núcleos de poboación están situados ao redor da dorsal montañosa de xeito continuo dende as abas dos montes ata a beira do mar.

Ademais, a actividade de construción do parque, con voaduras para dinamitar terreo granítico e a apertura ou ensanche de camiños e de novas pistas forestais, impactaría directamente sobre os ríos, mananciais e acuíferos e afectaría aos numerosos depósitos de traídas de augas municipais e veciñais de todos os concellos, así como á flora e fauna (especialmente nos hábitats de interese comunitario), ás especies protexidas e ao cuantioso patrimonio histórico, nomeadamente ao arquitectónico, do Morrazo.

A todo isto suma o impacto dos ruídos do xiro das aspas e das ondas electromagnéticas dos aeroxeradores sobre a saúde humana e da fauna, o risco de interrupción nas telecomunicacións ou a perda dun valor estimado no 40% de vivendas e fincas.

Neste contexto, Ríos recorda que o propio Observatorio Eólico de Galiza cifra o negocio eólico xerado no País en 1.300 millóns de euros, do que só 30 millóns (o 2,3%) quedaría aquí. O custe de construción dun parque eólico tipo custaría 142 millóns que, a prezos de mercado de 2023, facturaría 54 millóns anuais.

Tendo en conta estas estimacións, en menos de tres anos quedaría amortizado o investimento da empresa eólica, sendo o restante beneficio íntegro. Todo sen que repercutan beneficios sociais nin ningún tipo de vantaxe para a veciñanza, que si sufrirá os danos económicos, sociais, medioambientais e paisaxísticos, polo que o BNG reclamará á Xunta que rexeite a instalación do proxecto de Arena Power e suprima a Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo do Plan Eólico de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG