O BNG reclámalle a Feijóo que derrogue o decreto do plurilingüismo e non manipule as sentenzas

Ana Pontón acusou hoxe, en sede parlamentar, ao Presidente da Xunta de “manipular” as sentenzas que confirman a ilegalidade dos “elementos centrais” do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza.

A parlamentaria recórdalle que o mal chamado decreto do plurilingüismo, aprobado unilateralmente polo PP, tivo o rexeitamento masivo da sociedade galega, que levou adiante manifestacións moi numerosas contra o mesmo -convocadas pola Plataforma Queremos Galego-, unha folga xeral no ensino e o posicionamento contrario de entidades como a Real Academia Galega, o Consello Consultivo ou o Consello Escolar de Galiza.

As sentenzas cuestionan a aplicación do decreto

As diferentes sentenzas que ditou o TSXG, afirma a nacionalista, “dan a razón a quen cuestionaron o decreto e declara ilegais os instrumentos que aprobou a Xunta para levar adiante unha política de eliminación do galego”, singularmente nunha etapa fundamental como é o Ensino Infantil.

Mentiras, manipulación e ilegalidades da Xunta contra a lingua galega

Desde o BNG, dixo, as sentenzaa deixaron ao descuberto “as mentiras, manipulacións e ilegalidades” empregadas pola Xunta de Galiza na súa cruzada contra o idioma galego e desautorízaa, no fondo e na forma.

Pontón lamentou, no seu nome e no do BNG, que o Presidente da Xunta “teime en intentar manipular a realidade e o contido e alcance das sentenzas”.

Hai que lembrar, engadiu, que estas sentenzas van na liña doutros pronunciamentos realizados por outras institucións. O máis recente, lembrou, “o terceiro Informe do Consello de Europa na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, neste Informe, critícanse duramente as “regresivas decisións” que en materia lingüística ten adoptado o PP nos últimos anos e denuncia “o retroceso do idioma galego” en diferentes ámbitos.

A deputada indicou que, concretamente no ensino, “o informe descualifica o Decreto 79/2010, por constatar a redución progresiva do uso do galego en todos os niveis e unha diminución da súa estrutura de apoio”.

Derrogar o decreto como punto de partida

Asemade, as e os expertos europeos esixen un incremento do número de escolas que ofrezan educación completamente ou esencialmente en lingua galega.

Para a parlamentaria nacionalista, si o PP quer retomar a senda do consenso en materia de lingua “o punto de partida non pode ser este decreto”, masivamente rexeitado pola sociedade galega e a comunidade educativa. O punto de partida, manifestou, deben ser “o respecto ao Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da lingua galega e a propia Carta Europea das linguas”.

A lingua galega, concluíu, “require de políticas de apoio e de fomento da súa normalización”, algo que o Sr. Núñez Feijoó, á vista das súas declaracións tralo Consello da Xunta, non parece disposto a asumir nin facer.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG