BNG reclama á Xunta que propicie coa empresa UFD o cambio de localización da subestación eléctrica de Padrón

Iria Carreira
Iria Carreira
A deputada Iria Carreira lamenta o veto do PP no Parlamento á proposta dun emprazamento alternativo para diminuír o impacto sobre a veciñanza  

BNG instou á Xunta no Parlamento galego a demandar da empresa UFD Distribución Electricidade unha localización para a subestación de Padrón diferente da actual, dando cumprimento a toda a normativa de impacto ambiental e protección da saúde para minimizar deste xeito o impacto sobre a veciñanza.

Así o reclamou na comisión parlamentaria de Industria a deputada nacionalista Iria Carreira, logo de advertir da insalubridade, ruídos e vibracións denunciados pola veciñanza e do expediente sancionador aberto polo propio Concello de Padrón á compañía pola superación dos valores límite de ruído, que se sitúan en distintas medicións entre os 62 e os 65dB cando o límite en horario nocturno é de 45dB, o que segundo a lei 37/2003 supón unha infracción grave.

“A preocupación da veciñanza dispárase cando ten coñecemento da pretensión da empresa de aumentar a potencia da subestación”, engadiu Carreira, para criticar a continuación que dito incremento de potencia sexa autorizado “cando hai denuncias por parte da veciñanza dende hai anos e sen informar ás veciñas e veciños que viven ao pé da subestación”.

A deputada do BNG -quen tamén indicou que a veciñanza xa está recollendo sinaturas e entregándoas no concello para reclamar o cambio de localización- alertou das molestias xeradas durante todo o verán polas obras de ampliación e incidiu en que “non son só as molestias derivadas da propia actividade da subestación, senón tamén do feito de que a electricidade ten que chegar e ten que saír dela, con tendidos eléctricos rodeando a zona”.

Carreira levou deste xeito as demandas da veciñanza á Cámara e incidiu en que “ninguén pon en dúbida a necesidade desta infraestrutura, nin sequera a necesidade de aumentar a potencia”, senón que se cambie de localización. “Buscar un emprazamento diferente, afastado das vivendas e que non sexa ese foco constante de malestar que é a día de hoxe”, recalcou para concluír que “o lugar onde hoxe se atopa puido ser axeitado cando se construíu, pero o desenvolvemento que experimentou Padrón rematou por facer núcleo urbano o que antes eran as aforas e, nesa liña, tamén cómpre reconsiderar este tipo de infraestruturas”. A deputada nacionalista lamentou a posición do PP que, logo do debate parlamentario, votou en contra da iniciativa.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG