BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que acate a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que declara o dereito a traxectoria profesional do persoal ao servizo da administración de Xustiza, con independencia de que o seu vínculo sexa de carácter definitivo ou temporal.
Así o defendeu en comisión parlamentaria o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, quen tamén propuxo ao Goberno galego que convoque a mesa sectorial para negociar coa representación sindical das e dos traballadores, “non só cos sindicatos que sinte afíns”, unha regulación nos extremos declarados ilegais polo TSXG do Acordo que rexe actualmente para o sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da administración de Xustiza e, no entanto, que continúe co recoñecemento do dereito á traxectoria profesional, co abono das percepcións correspondentes, tanto ao persoal de carreira como ao interino.
Tabarés referiuse así ao Acordo de traxectoria profesional acadado entre a Xunta e algunhas organizacións sindicais -“que por outra banda, nin representaba á maioría do persoal, nin foi referendado pola Asamblea de Traballadorxs”, advertiu- logo de case 4 meses de folga dos traballadores e traballadoras, a quen quixo manifestar o recoñecemento do Bloque pola súa defensa dos dereitos sociais e laborais, pero tamén de medidas para mellorar o funcionamento da administración de Xustiza.
Logo de subliñar que a regulación da traxectoria profesional debe realizarse previa deliberación na mesa sectorial de Xustiza e previa negociación coa representación dxs traballadorxs, o deputado nacionalista indicou que algúns extremos da regulación realizada polo Executivo do PP, tal e como xa resolveu o TSXG, é ilegal, polo que exixiu a súa rectificación. “O que reclamamos dende o BNG con esta iniciativa é algo tan básico como o cumprimento da lei e o respecto ás organizacións sindicais”, explicou, para a continuación recalcar que tanto os tribunais europeos, como os estatais e agora os galegos establecen que non pode existir distincións entre os dereitos do persoal fixo e o temporal, “a única diferenza é a permanencia no posto, nada máis”.
Tabarés tamén advertiu que, máis de 20 anos após da asunción de competencias en materia da chamada administración de Xustiza, este ámbito laboral aínda carece a día de hoxe de relación de postos de traballo, o que, segundo subliñou, supón un incumprimento legal, “elocuente da neglixente xestión dos recursos públicos por parte do PP”, que pode implicar graves prexuízos para as traballadoras públicas de aprobarse a prevista reforma da organización xudicial. A iniciativa nacionalista non prosperou polos votos en contra de PP e PSOE.