Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta no Parlamento un docente de pedagoxía terapéutica a tempo completo para o IES A Cachada de Boiro

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez denuncia tamén a redución do horario do coidador do CEIP de Abanqueiro e pide aumentar a dotación de coidadorxs no Praia Xardín

A deputada do BNG, Rosana Pérez, levou ao Parlamento as demandas da comunidade educativa de Boiro para reclamar á Consellería de Educación que dote o IES A Cachada dun docente de pedagoxía terapéutica (PT), ao tempo que denunciou os recortes no horario do coidador do CEIP de Abanqueiro que afecta negativamente tamén ao colexio Praia Xardín.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Educación, Pérez recordou as mobilizacións non só dos pais e nais do IES A Cachada, senón tamén dos demais centros educativos de Boiro -co apoio da asociación comarcal de apoio ás familias e ás persoas con espectro autista BarbanTea- que dende o mes de agosto reivindican a asignación dun PT en exclusiva para o IES, xa que agora conta cun único especialista a tempo completo e unha hora a maiores.

“Estamos a falar de máis de 100 alumnos e alumnas, dun total de preto de 400 matrículas, que teñen necesidades educativas e, nomeadamente, de 37 que presentan necesidades especiais que só poden ser atendidas por un especialista”, argumentou a deputada nacionalista, quen afeou ao director xeral de Centros e Recursos que se escudase na súa resposta na redución da matriculación total, sen ter en conta que, paralelamente, aumenta a de nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

Neste sentido, criticou que o Goberno do PP fora recortando os tres profesores de apoio que o IES A Cachada tiña non hai tanto tempo, sen ter en conta o aumento de casos, de maneira que é o propio profesorado non especialista o que completa o seu horario atendendo a este alumnado.

Pérez advertiu que os recortes da Xunta se estenden tamén ao CEIP de Abanqueiro, onde aínda tendo un número maior de alumnado con necesidades educativas, viu como se lle reducía o horario do coidador co que contaba no curso anterior a tempo completo, de tal xeito, que o ten que compartir co colexio de Praia Xardín que, á súa vez, dispón dun coidador que, subliñou, “tampouco lle é suficiente e que reforzaron dous días a semana a conta precisamente do CEIP de Abanqueiro”.

Neste contexto, a deputada nacionalista pediu aumentar a dotación de coidadores no Praia Xardín, logo de recalcar que as necesidades do alumnado con necesidades especiais están sendo desatendidas, o que é o mesmo que dicir, alertou, “que a Xunta está a vulnerar os dereitos deses nenos e nenas e mesmo a lexislación que debería ser a primeira en cumprir”, sen tan sequera “escoitar aos pais e nais”.  

Pérez reprochou ao director xeral que non ofrecera respostas a ningunha das situacións denunciadas, tanto no IES A Cachada como nos CEIP de Abanqueiro e Praia Xardín, polo que o convidou a achegarse a estes centros educativos e escoitar de primeira man tanto a profesionais como a pais e nais.

Fronte á “situación idílica de absoluta normalidade e tranquilidade en todos os centros do País” vendida pola Consellería de Educación, Rosana Pérez advertiu que “nunca houbo tantas protestas e tanto malestar” en tantos centros educativos. “Moitas que continúan a día de hoxe como a do IES A Cachada e os demais centros de Boiro”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG