parlamento galego

BNG reclama á Xunta que incremente a flota de ambulancias 061 no Morrazo e unha solución para a súa desinfección COVID

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos advirte que estas carencias provoca demoras nos tempos de reacción e o deterioro na calidade dun servizo vital para salvar vidas

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a ampliación da flota de ambulancias do servizo de emerxencias 061 no Morrazo, “unha reivindicación histórica na comarca, e máis necesaria se cabe agora, coa situación sanitaria que levamos vivindo máis dun ano”, segundo recalcou o deputado nacionalista Paulo Ríos.

Nunha pregunta ao Goberno galego, Ríos recordou que os e as traballadoras do 061 do Morrazo levan anos pedindo esta ampliación “para ser quen de atender dun xeito eficaz as emerxencias e axudar a salvar máis vidas”, unha reclamación que, segundo recalcou, “nunca foi atendida” e que, coa chegada da pandemia, “agraváronse os problemas, mermando a calidade dun servizo esencial como o da atención ás emerxencias”.

O deputado do BNG polo Morrazo advertiu que, á necesidade da ampliación da flota, súmase a problemática da desinfección COVID nas ambulancias, xa que xs profesionais do servizo denuncian a imposibilidade de realizala en Cangas, tendo que desprazarse a Vigo, “o que dilata enormemente o tempo de reacción para atender emerxencias”.

Neste sentido, apelou a un informe da CIG no que se conclúe que en Vigo non hai persoal suficiente para este labor e que moitas veces coincidían “até 10 ambulancias facendo cola” para ser desinfectadas, tendo que facelo as propias operarias dos vehículos e “atrasando imprudentemente a atención a calquera emerxencia que poida aparecer”. 

“Estamos a falar dun servizo que afecta a milleiros de persoas, cun aumento poboacional considerábel en época estival, onde a actual flota de ambulancias non é suficiente”, incidiu, para a continuación reprochar que “mentres a Xunta deixa sen unha ambulancia medicalizada ao Salnés para dedicala a Sanxenxo durante o verán, vemos como trata a outras vilas e comarcas como se fosen de segunda categoría, aínda padecendo unha situación previa de precariedade”.

“Con COVID ou sen ela -subliñou- a comarca do Morrazo precisa aumentar a súa flota de ambulancias, debidamente equipadas, para dar unha asistencia áxil e axeitada”. A xuízo do deputado nacionalista, “intervir nun servizo de emerxencias con capacidade para atender as necesidades da poboación non debería ser obxecto de debate”. “É de xustiza”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG