Parlamento Galego

O BNG reclama á Xunta que desbloquee o enredo burocrático e tramite de oficio o cese que solicitan as mariscadoras de Carril

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado demanda no Parlamento a Mar que xestione directamente a parada nos bancos dos Lombos do Ulla e na praia de Compostela

O BNG levou ao Parlamento galego a reivindicación da Agrupación de Mariscadoras de a Pé de Carril para proceder a un cese de actividade por un período de seis meses nos bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla e da praia de Compostela-A Concha.

A deputada Montserrat Prado referiuse ao enredo burocrático no que se atopa a reivindicación da agrupación e que, segundo resumiu, “é unha situación de bloqueo na que a Consellería do Mar reclama ás mariscadoras que entreguen a documentación para solicitar o cese a través da confraría e a confraría non tramita a solicitude e os correspondentes informes”. Neste sentido, reclamou á consellería que desbloquee a situación, actúe de oficio e permita á agrupación que faga a tramitación directamente. “Pedimos que deixen de primar os papeis por riba da situación que padece a xente do mar”, recalcou.

Nunha pregunta ante a Comisión de Pesca da Cámara galega que foi respondida pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Prado recordou as dificultades que atravesan os e as mariscadoras da agrupación a consecuencia dos temporais rexistrados o inverno pasado e que provocan que este colectivo de 86 persoas “leva meses sobrevivindo cun nivel de produción de pouco máis do 20%”.

A deputada nacionalista subliñou que os danos rexistrados supuxeron no banco dos Lombos do Ulla unha mortalidade do 82% na ameixa fina, do 97% no berberecho e do 78% na ameixa xapónica; e no banco da praia de Compostela-A Concha, a mortalidade ascendeu ao 98% na ameixa babosa, ao 45% na xapónica e ao 76% no berberecho.

Prado afirmou que a solicitude de cese de actividade formulada polas mariscadoras de Carril é “un exercicio de responsabilidade para recuperar os bancos” pese a que, segundo recalcou, afectará á súa campaña de Nadal, e neste sentido advertiu que non proceder á parada significaría “unha sobre-explotación do escaso recurso e hipotecar campañas futuras”. “Pedimos, en definitiva, que se poñan do lado das mariscadoras”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG