O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para exixir ao Goberno do Estado que interveña e regule os prezos as probas rápidas de auto diagnóstico para garantir un acceso fácil e universal de toda a poboación. Reclama prezos equiparábeis aos existentes noutros países europeos e un abastecemento adecuado nas farmacias para frear o avance da sexta vaga e o aumento exponencial de contaxios.
O aumento de contaxios nas últimas semanas, a proximidade de reunións familiares durante as festas do Nadal e a sexta vaga de contaxios disparou a demanda de probas rápidas de auto diagnóstico -os chamados test de antíxenos- e puidemos ver longas ringleiras diante das farmacias para poder adquirilos. O incremento da demanda tamén elevou até 40% o prezo dos test, que xa era un dos máis altos en comparación aos existentes noutros países.
As probas de auto diagnóstico, ao igual que sucede co resto de material sanitario e hixiénico para previr o contaxio da COVID debe ter un prezo alcanzábel para a poboación, por iso o BNG reclama que se regulen os prezos dos test. “Noutros países europeos, son moito máis baixos, por exemplo en Portugal os mesmos test que se venden nas farmacias da Galiza por 8 euros, pódense comprar a partir de 2,10 euros” explica Néstor Rego. De maneira semellante, en Alemaña pódese adquirir un lote cinco test por 3.75 euros.
No caso de Portugal, o Estado facilitou o acceso a estas probas en todo o posíbel e, para iso, autorizou a venda en supermercados. “Unha comercialización masiva a un prezo alcanzábel que está a dar servizo neste momento non só á poboación portuguesa, senón a moitas persoas que cruzan a fronteira para adquirir facilmente o que é imposíbel no caso do Estado español” enfatiza o deputado nacionalista.
A formación nacionalista reclama ademais unha mellora no abastecemento “moitas farmacias esgotan estas probas a primeira hora da mañá pola alta demanda debido ao aumento de contaxios, e isto dificulta á cidadanía actuar responsabelmente e detectar posíbeis contaxios. Máis aínda cando se coñece que a nova variante Omicron contaxia con máis facilidade” explica o deputado do BNG.
“Neste momento en que a detección de positivos é imperativa, a accesibilidade aos test ten que ser áxil e a un prezo accesíbel. Por iso, o Estado debe facilitar o acceso á realización de probas diagnósticas” demanda Rego. En definitiva, resulta urxente a intervención do Goberno do Estado para regular os prezos dos test de antíxenos asegurando un acceso xeral a un prezo apto para todas as persoas e adoptar as medidas necesarias para garantir o abastecemento, sobre todo neste escenario de aumento de contaxios.