A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta ao goberno a defender os intereses do sector pesqueiro galego para que non saia prexudicado nas duras negociacións que están tendo lugar sobre o Brexit e criticou as recentes declaracións “exultantes” do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación diante dunha situación tan preocupante para o sector. “Para Galiza o sector da pesca é estratéxico, polo que é inadmisible que sexa novamente sacrificado e usado como moeda de cambio”, salienta.
“En Galiza estamos moi fartas de que a pesca sexa o último nas negociacións e que non se teña en conta os intereses dun país pesqueiro como é o noso”, subliña Ana Miranda, quen defende que debería ser apoiado en especial pola importancia que ten para a economía galega, comparándoa con Reino Unido.
Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa critica a falta de compromiso do goberno galego co sector. “Que despois de sete meses de negociacións sobre o Brexit toda a actuación de Feijóo se resuma no envío dunha carta ao goberno este domingo, da idea do pouco que lle importa ao presidente galego o sector pesqueiro”, sinala, quen lembra que, pola contra, desde o inicio das negociacións sobre o Brexit o BNG no Parlamento Europeo presentou diversas iniciativas demandando información sobre a necesidade de defender a actividade pesqueira galega.
Información clara
Así o BNG reclamou na Eurocámara a aprobación de compensacións económicas para a pesca no 2021, pero tamén demandou información clara a respecto das consecuencias do Brexit para a cidadanía galega residente no Reino Unido e, sobre todo, que se garantan os seus dereitos.
Cuestións como a vixencia da tarxeta sanitaria europea; os recoñecementos de diferentes prestacións –como incapacidade, maternidade, paternidade, xubilación-; a preocupación polo retorno e as posibilidades de reinserción na sociedade galega; os futuros programas de intercambio entre universidades; e a fenda dixital son algunhas das inquedanzas das galegas emigradas a Reino Unido e Irlanda.