O Bloque Nacionalista Galego fixo públicas as alegacións presentadas ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións que se implantarían no mar. Néstor Rego anunciou que, como cuestión previa, o BNG reclamou de novo formalmente ao Goberno do Estado que retire os Plan de Ordenación do Espazo Mariño e a posibilidade de que se implanten parques de eólica na costa galega. O deputado do BNG sinalou que nas alegacións se pide que se respecten as competencias propias das Comunidades Autónomas, que se garanta que parte da xestión sexa pública e reverta no público e, entre outras, a consecución da implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega.
Sen renuncia á retirada dos POEM, apoiando as mobilizacións do sector pesqueiro
O deputado nacionalista lembra a presentación dunha consideración previa pedindo a retirada do Real Decreto en aplicación ao principio de precaución debido a que “non existe suficiente información do grao de afectación dos parques de eólica mariña sobre os ecosistemas e sobre a pesca”. O que si existe, continúa, é a experiencia empírica previa coa instalación de tres muíños en Viana do Castelo (Portugal) onde os pecadores afirman que, nun radio de quilómetros, desapareceu a actividade pesqueira.
Por este motivo, o BNG urxe a retirada dos POEM para eliminar a posibilidade de implantar os polígonos industriais de xeración de enerxía eléctrica na costa galega. Da mesma maneira, Néstor Rego expresa o apoio inequívoco do BNG á concentración convocada en Burela pola Plataforma en defensa do sector pesqueiro que terá lugar o vindeiro sábado, 6 de abril, ás 12h. “A mobilización da sociedade será chave para conseguir a retirada deste proxecto e conseguir que o sector pesqueiro non saia, máis unha vez, prexudicado” sinala Rego.
O BNG, sinala Rego, continuará traballando “para defender o seu mar, o seus ecosistemas mariños, o seu sector pesqueiro e marisqueiro. Para non hipotecar, máis unha vez, o futuro do noso País e dos nosos sectores produtivos para maior lucro dunhas poucas grandes empresas eléctricas.
As alegacións do BNG: respecto competencial, xestión pública e Tarifa Eléctrica Galega
O Real Decreto, sinala o deputado do BNG, obvia a capacidade de decisión que teñen as Comunidades Autónomas e, no noso caso concreto, a capacidade que posúe a Administración Galega sobre o seu territorio e o seu litoral e costa. “Estas alegacións defenden a necesidade de que exista unha coordinación coas CCAA á hora de tomar decisións” asegura Rego.
“Defendemos que exista un informe previo -preventivo e vinculante- realizado pola Administración Galega sobre o impacto social e económico que poden ter estes polígonos de eólica mariña nos nosos sectores produtivos, sobre todo o pesqueiro e o complexo mar-industria, así como o grao de afectación ao ecosistemas mariños e o noso litoral” anuncia.
Así mesmo, o BNG quere que se cumpra coa normativa galega sobre a instalación das infraestruturas de evacuación, que atravesarán as rías galegas e chegarán a terra, onde se terán que instalar subestacións. “Do mesmo xeito, débense contar coas CCAA para regular o proceso de concorrencia competitiva” insiste Rego.
Débese garantir o diálogo co sector pesqueiro e marisqueiro nesta fase de exposición pública do Real Decreto co obxectivo de minimizar os impactos negativos. Tamén, engade Rego, estabelecer criterios -alén dos económicos- que alcancen ou superen no mínimo 50% da puntuación total para que “non sexa só o lucro económico o que determine a adxudicación destes parques neste proceso de concorrencia competitiva”.
Así mesmo, o BNG defende a presenza do Instituto Español de Oceanografía -con dous centros na Galiza- na Comisión de Valoración para que estea presente sempre o criterio científico “á hora de estabelecer a valoración” para achegar a información e o grao de afectación e impacto sobre os ecosistemas mariños e o impacto socioeconómico que terán os proxectos de eólica mariña.
“Se estes polígonos de eólica mariña se poñen en marcha, que desde o BNG agardamos que non sexa así, entendemos que se debe estabelecer baixo o criterio público porque esa é a única posibilidade de que realmente reverta minimamente en beneficio público” avanza Rego. Nesa medida, explica o deputado, entende que debe de haber unha reserva da potencia instalada para explotación pública por medio dunha empresa pública de enerxía. “Presentamos alegacións tamén para garantir o retorno social destes polígonos de eólica, por exemplo priorizando aquelas empresas que teñan o domicilio fiscal na Galiza” alega.
Por último, o deputado do BNG mantén o compromiso para a consecución da Tarifa Eléctrica Galega por ser “unha cuestión de xustiza”. “Se nós producimos enerxía eléctrica e somos un País excedentario, o lóxico é que exista unha compensación e que os galegos e galegas teñamos a enerxía máis barata” sinala. Unha rebaixa sinxela, explica Rego, eliminado por exemplo as peaxes que teñen que ver co transporte ou todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da enerxía.