Noa Presas, deputada por Ourense, compareceu en rolda de prensa recordando que a formación nacionalista “sempre defendeu unha rede ferroviaria moderna, compatíbel para o tráfico de persoas e mercadorías, que primara a mobilidade interior, e con conexións con Portugal e a Meseta” porén, o Partido Popular no Estado e na Xunta “hipotecou o país pola súa obsesión de conectar Galiza con Madrid. Dese xeito, primouse sempre a conexión con Madrid, que é necesaria e positiva, pero fíxose en detrimento da conexión do país e da provincia e non podemos permitir estes prezos abusivos nin que as vilas queden desconectadas para favorecer unha alta velocidade que non chega e que non serve para vertebrar o territorio”.
Para o BNG a proba da deficiente planificación é que máis dun lustro despois da implantación do Avant “a conexión de Ourense coa capital do país, onde traballan e estudan milleiros de ourensás, sexa prohibitiva e cuns horarios insuficientes”.
Presas recordou que “só nos 9 primeiros meses de 2017 Renfe Viaxeiros tivo máis de 66 millóns de beneficio e no 2018 o Estado destinará 937 millóns de euros para as conexións ferroviarias declaradas como obrigas de carácter público, entre as que está a liña Avant Santiago-Ourense, polo tanto hai capacidade económica para aliviar os prezos que soportan as e os ourensás, cobrando pensións e salarios dos máis baixos do Estado”.
Neste sentido, o BNG reclamará a redución de cando menos nun 30% das tarifas para que o billete que conecta Ourense con Santiago poida baixar máis de 5 euros dos 16,60 que custa agora mesmo e pensa que “isto favorecería xerar máis clientela para este medio de transporte, pois a día de hoxe incluso coa peaxe hai persoas que deciden facer a viaxe en coche particular polo alto prezo e a pouca oferta horaria, que tamén cómpre incrementar, pois entre as 7:55 e as 12:10 non hai alternativa”.
Así mesmo, outro aspecto elemental é a demanda de modificar as condicións dos bonos “actualmente o Bono para 10 viaxes debe consumirse en 10 días polo cal calquera persoa traballadora ou estudante que polos seus horarios ou por un festivo non teña que cinco días á semana xa perde un billete e así mesmo, quen teña que ir máis de 5 días á semana non pode beneficiarse”.