A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que a nova PAC non ten en conta a súa identidade territorial e as características propias da tradición agraria familiar, sostible e de proximidade propias do agro galego. Considera ademais, que en Galiza, “a incapacidade de xestión dos fondos e pagos por parte da administración galega está levando ao peche a moitas producións agrarias e gandeiras”.
“O timón do PP ao fronte do barco da Xunta de Galiza leva á deriva anos e isto reflíctese día a día na incapacidade para realizar unha administración eficiente dos orzamentos públicos de que dispoñen”, sinala a eurodeputada Galega, quen considera que a súa “nefasta xestión provoca que teñan que improvisar a cada momento e que prioricen a actuacións de propaganda fronte a solución dos problemas”.
Neste sentido, Ana Miranda pon como exemplo a falta de axudas para a produción ecolóxica. En concreto, no ano 2022, o goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa a falta de asistencia para o 43 % das hectáreas solicitadas. “Estes datos significan o incumprimento deliberado da estratexia marcada por Europa para incrementar este tipo de produción até o 25%, tal e como o propio sector denunciou en Bruxelas”, manifesta.
A través dunha pregunta parlamentar dirixida á Comisión Europea, a eurodeputada do Bloque traslada as demandas do sector, entre as que figuran a simplificación de cargas administrativas como o novo caderno dixital; a adaptación da metodoloxía dos ecoesquemas e do catálogo de ecorréximes a nosa realidade; así como a flexibilización da condicionalidade e a aplicación das cláusulas espello como principio de reciprocidade nos acordos comerciais internacionais.
Ao respecto, Miranda pregunta se a Comisión Europea prevé incluír estas reclamacións, consecuencia da gran preocupación que vive o sector agrogandeiro, e se terá en conta tanto a representantes deste sector como a administracións subestatais nas mesas de diálogo, algo que para a eurodeputada do Bloque é “prioritario”.
Perda de fondos
No referente á xestión dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural a eurodeputada do BNG considera que as cifras referidas á perda de fondos “son escandalosas”. Así, explica que no anterior período, -que finalizou no 2023-, Galiza perdeu case 56 millóns de euros de fondos europeos que deixou sen gastar do DR, unha cifra que se elevaría a 74 millóns de euros se aos fondos de Bruxelas se lles engade a parte que lles correspondería cofinanciar á Xunta e ao Ministerio de Agricultura. Segundo considera “esta cifra reflicte a incapacidade de xestión real do PP ao fronte da Consellería de Medio Rural”.
O PDR para Galiza contaba cunha asignación de 888.801.564 euros do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). O PP executou o 93’71% (832.855.187 euros), polo que deixou sen executar 55.946.377 euros. “Isto acontece porque ao PP non lle interesa mellorar a vida da xente do rural deste país a través da xestión dos fondos europeos, só lle interesan os seus votos”, denuncia Miranda.