congreso

BNG reclama que se manteñan os tempos actuais para as devolucións por demoras no ferrocarril

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego critica a decisión do Goberno por implicar “un retroceso nos dereitos dos viaxeiros e viaxeiras”

O BNG exixe desenvolver un paquete de medidas que garanta a puntualidade dos servizos pondo en marcha, entre outros, o Plan de Mellora da Puntualidade e tamén a redución dos prezos dos billetes

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para exixir explicacións ante o cambio do sistema de indemnizacións por atrasos en servizos AVE, Avlo, Euromed e Intercity. O deputado do BNG, Néstor Rego, quere coñecer os motivos que levaron a endurecer as condicións para o reembolso dos billetes e mesmo se se ten pensado aplicar a outros servizos como Alvia ou AVANT. Rego reclama restituír os tempos actuais, pór en marcha medidas que garantan a puntualidade dos servizos, como o Plan de Mellora da Puntualidade, e reducir os prezos dos billetes porque os actuais son abusivos.

“O cambio nos requisitos para a devolución do prezo dos billetes é, sen dúbida, un retroceso e empeora os dereitos dos viaxeiros e viaxeiras dos servizos ferroviarios. Resulta evidente que os constantes incidentes, demoras e problemas que se están a producir, en particular nos servizos entre Galiza e Madrid, teñen moito que ver con esta decisión” sinala o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Rego exixe coñecer as verdadeiras razóns que levaron a Renfe a cambiar o sistema e a endurecer as condicións para o reembolso dos billetes por demoras, así como saber se está contemplando aplicar a mesma política noutros servizos como Alvia ou AVANT.

En opinión de Néstor Rego, o que debería facer Renfe é restituír de forma inmediata os tempos actuais de 15’ e 30’ (frente a 60’ -50%- e 90’ -100%- que acaban de anunciar) e, paralelamente, impulsar medidas que garantan a puntualidade dos trens. “Para isto, o investimento no mantemento e mellora dos servizos, do material rodante e contar co persoal suficiente é imprescindíbel” subliña o nacionalista.

Así mesmo, para o deputado do BNG “RENFE e o Goberno deberían apostar polo abaratamento do custo dos billetes. Os prezos actuais son abusivos e mantelos sería inxusto”. Unhas tarifas que, agora, a pesar dos habituais retrasos e incidentes, van ser máis difíciles de recuperar polas persoas usuarias.

“Que medidas ten adoptado para garantir a puntualidade dos servizos? Non considera que é máis oportuno investir na mellora do servizo e garantir os medios materiais e humanos adecuados que impidan os retrasos en lugar de asumilos como seguros ao tempo que se restrinxen as posibilidades de reclamación da devolución?” pregunta o deputado do BNG ao Goberno do Estado nas súas preguntas. Dentro destas, require información tamén sobre o Plan de Mellora da Puntualidade que o Ministerio de Transportes estaba elaborando e demanda ampliar os servizos e frecuencias no Eixo Atlántico ferroviario, nos servizos de Media Distancia, así como AVANT na Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG