O Bloque Nacionalista Galego mantén a segunda reunión co PSOE para facer o seguimento do acordo de investidura e do grao de cumprimento das actuacións previstas. A frente nacionalista constatou que existen partes do acordo que están xa cumpridas mais sinala que existen outras en proceso de cumprir e que mesmo algunhas, como as novas bonificacións da AP-9, non se fixeron aínda mais que se podían ter executado. Neste sentido, o BNG exixe ao Partido Socialista maior axilidade na execución e cumprimento dos compromisos acordados e máis concreción á hora de calendarizar e rematar as actuacións.
No marco de garantir a verificación dos termos recollidos no acordo de investidura conseguido polo BNG para a investidura, a frente nacionalista mantén unha segunda reunión cunha delegación do PSOE dando cumprimento á cláusula pactada entre as formacións que prevé reunións de carácter cuadrimestral. Por parte do BNG, a delegación estivo formada polo deputado do BNG, Néstor Rego, a senadora nacionalista, Carme da Silva, e o membro da Executiva Nacional, Rubén Cela.
En termos xerais, a organización nacionalista constata que existen partes do acordo de investidura que están cumpridas e mesmo que se están a cumprir segundo o estipulado -como a continuidade dos abonos de transporte en 2024 ou a suba maior das pensións- e aprema o PSOE a “desbloquear as actuacións que se poden executar de forma inmediata como é o caso das novas bonificacións da AP-9”. O BNG sinala que, neste sentido, a pesar de non ter orzamentos de 2024 existe xa unha partida dos orzamentos prorrogados “que permite a aplicación dos novos descontos a usuarios recorrentes”.
En materia viaria e ferroviaria, o BNG comprobou que se está avanzando en infraestruturas chave para a Galiza. Os viadutos da A-6, exemplifica o BNG, estarán rematados antes de finais de 2024, tal e como recolle o acordo, ao igual que existen actuacións para a mellora da seguranza viaria co obxectivo de eliminar diversos puntos negros das estradas do País: “actuacións valoradas en máis de 12 millóns para a A-52, obras de mellora nas N-540, N-120, N-550, N-634, N-525, N-640, N-541, etc”.
O BNG tamén confirma que, no relativo ás cercanías ferroviarias, o Goberno “está a tramitar a elaboración do estudo da implantación dun sistema de cercanías na Galiza”. Na mesma liña, sinalan o avance das actuacións para a modernización da liña Betanzos-Ferrol así como o impulso ao baipass de Betanzos, cuxo estudo informativo sairá a información pública neste ano 2024. “Tamén están iniciados os trámites para o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria entre Santiago e Lugo” asevera.
“Grazas ao acordo de investidura, o Goberno do Estado aumentou o investimento para a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela. Un compromiso xa asinado e materializado co Concello que aforrará 11,4M€ á veciñanza de Compostela” asevera o BNG. Así mesmo, o Goberno do Estado tamén aumentou o investimento no Consorcio de Santiago para os vindeiros anos e confírmase que a estación intermodal de Santiago pasarase a chamar “Daniel Castelao” -estando na fase final de tramitación- e mesmo existe o compromiso do Goberno para adecuar os espazos comúns para divulgar as obras artísticas, culturais e políticas de Castelao.
Impúlsase, evidencia a frente nacionalista, o desbloqueo do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín e, do mesmo xeito, comezan as obras en Pontevedra para a conexión coa Autoestrada do Atlántico, coñecida comunmente como a obra do nó de bombeiros.
En materia de lingua, o BNG sinala que existen avances significativos recollidos, entre outras cuestións, en novas leis que se están a tramitar como a Lei Orgánica do Dereito de Defensa. “A nova lei, grazas ás achegas do BNG, permitirá presentar emprender accións legais en galego e noutras linguas oficiais diferentes do español, ante os órganos con xurisdición en todo o Estado” afirma.
“Realizamos un seguimento de todas as cuestións que aínda non están cumpridas e coas que estamos e seremos especialmente exixentes co PSOE para que se leven a cabo” sinala a organización nacionalista. Para algunhas delas, explica o BNG, é necesario un novo proxecto de Orzamentos que “deberán recoller partidas específicas para se poderen realizar” mais existe vontade para executalas.