A deputada Alexandra Fernández levou á comisión de Medio Ambiente deste mércores a situación na que se encontra a Enseada de San Simón e reclamou á Xunta do PP que elabore un Plan de xestión e medidas urxentes que garantan a conservación da biodiversidade para non por en perigo o futuro ambiental, económico e social da zona.
Advirte que a situación da enseada de San Simón, lonxe de mellorar, continúa agravándose porque ao “deterioro multifactorial” que vén padecendo durante os últimos 20, hai que sumarlle agora o “ataque” por parte da Autoridade Portuaria de Vigo que, utilizando o instrumento da Delimitación de Espazos Porutarios (DEUP), “pretende crear na zona de Rande un espazo de almacenaxe”.
Fernández expuxo que a comunidade científica e as persoas que viven do mar veñen alertando da situación desde hai anos pero que “non se fixo nunca nada máis que certificar que a situación é dramática”
“É un auténtico despropósito!”, manifestou, aclarando que con esta iniciativa “queremos denunciar o dobre xogo da Xunta de Galiza, que cunha man certifica a situación crítica e coa outra impulsa novas agresións, e mentres tanto, nin unha soa medida positiva”.
Segundo explicou a deputada nacionalista, durante as últimas décadas foise creando nesta zona solo industrial a partir de recheos sen ter en conta o impacto sobre o ecosistema, acabando por configurar un polígono industrial sen os servizos necesarios como o acceso rodado ou o saneamento.
Fernández apuntou que “o problema que sempre tivo a Autoridade Portuaria con este proxecto, alén do rexeitamento social e da legalidade é que “non ten encaixe” e que o que se pretende nesta DEUP é “ir dando pasos cara a creación desa nova terminal”, que sería a terceira logo da de Guixar e da de Bouzas.
Denunciou que, a través dese instrumento da DEUP o que se propón é “darlle para adiante á construción das vías de acceso rodado necesarios para, de forma fragmentada, ir salvando o filtro da avaliación ambiental” xa que, “obvia cal vai ser o impacto na Enseada de San Simón sobre a biodiversidade e a actividade produtiva de marisqueo e pesca”, nun sector cunha baixada de produtividade sen precedentes, sobre todo desde 2009, que descendeu ata un 30% na confraría de Cesantes.
Previo a ese plan de xestión da Enseada de San Simón, na iniciativa do BNG pídese o impulso dun proxecto de investigación rigoroso e extenso sobre o actual estado de conservación do ámbito da enseada, en alianza coas universidades públicas e os centros de investigación, e cuxas conclusións deberán plasmarse, no tempo máximo de un ano, nun informe que inclúa unha análise das causas que impactan na biodiversidade e dos riscos que presenta a futuro, así como das medidas para garantir o seu estado.
Para o BNG, neste proceso deben participar diversos colectivos, ecoloxistas, traballadores e traballadoras do mar, veciñanza e entidades locais implicadas, lembrando que a Rede Natura, da que forma parte a enseada, protexe 2.252 hectáreas entre os concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra, Vilaboa e Moaña.
Na súa exposición de motivos, Alexandra Fernández recordou que a enseada de San Simón foi declarada Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Importancia Comunitaria no ano 2004. Ademais, en 2023 Augas de Galiza incluíuna nas zonas sensibles no ámbito territorial das bacías hidrográficas de Galiza Costa pola elevada concentración de fósforo debida á depuración deficiente das augas residuais urbanas.
Malia todo, indicou, a enseada “segue sufrindo numerosas agresións ambientais que danan e comprometen o seu extraordinario valor”, salientou.
Acusa ás administracións competentes dunha aplicación “deficiente” destes instrumentos de protección, impedindo deste a perda de biodiversidade e a supervivencia a longo prazo deste hábitat tan singular e das súas especies.
A deputada fixo fincapé no “grave impacto” derivado dos diversos recheos ao longo de todo o litoral da enseada, como os espigóns, os portos deportivos ou as instalación de pantaláns frotantes, con incidencia sobre os fondos mariños ou na modificación da liña de costa, provocando importantes mudanzas nas correntes ou a alteración nos sedimentos, que se retiran dalgunhas zonas e aparecen noutras. Ademais, estes cambios na liña de costa fai que a enseada “hiperfertilice”, provocando desequilibrios ecosistémicos.
A deptutada sinalou ademais a existencia dunha agresión química derivada das verteduras que rematan na ría, debida á súa industrialización, atopándose, segundo unha investigación da Universidade de Vigo sobre feita sobre os sedimentos, un incremento preocupante de sustancias como chumbo, arsénico, cromo, cobre, cadmio ou zinc.
Por último, subliñou que o cambio climático é un novo factor que “está impactando xa na biodiversidade da enseada, afectando aos bosques de algas, esenciais como alimento e refuxio de moitas especies”.
A pesar de todos estes motivos expostos pola deputada nacionalista, o PP votou en contra da iniciativa.