Parlamento Europeo

BNG organiza unha xornada de traballo na Eurocámara para denunciar a manipulación nos medios públicos galegos

CRTVG
CRTVG

A iniciativa da eurodeputada Ana Miranda conta coa participación dunha delegación do Comité en Folga da CRTVG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza hoxe e mañá unha xornada de traballo no Parlamento Europeo na que participa unha delegación integrada por traballadores e traballadoras da CRTVG -en concreto do Comité en Folga-, para denunciar en Europa a manipulación informativa nos medios públicos galegos.

“É moi importante esta visita porque veñen a denunciar a manipulación dos medios públicos galegos e temos unha intensa axenda na Eurocámara”, subliñou Ana Miranda tras recibilos no Parlamento Europeo de Estrasburgo, quen sinala que a delegación manterá diversos encontros para analizar os incumprimento do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación no anteproxecto de lei dos servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza.

Así, na xornada de hoxe, a delegación desprazada a Estrasburgo reunirase co Vicepresidente do Parlamento Europeo, Yonous Omarjee; coa eurodeputada relatora da Lei de Liberdade de Prensa Europea (Media Freedom Act) Diana Riba; e co Vicepresidente do Parlamento Europeo, Nicolae Stefanuta, responsable de temas democráticos.

Na xornada de mañá, os representantes dos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos manterán unha reunión coa Presidenta da Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, Nela Riehl.

Falta de pluralidade

Segundo explicaron nos encontros os integrantes da delegación, entre os incumprimentos da normativa europea na CRTVG figuran a falta de independencia, de imparcialidade e de pluralidade, ademais da falta de creación do estatuto profesional e do consello de informativos.

Ademais, nas reunións mantidas hoxe explicaron o aumento da externalización dos programas na CRTVG así como as manobras do Partido Popular na Comisión de Peticións da Eurocámara para evitar que se mantivese aberta a denuncia presentada por representantes do Comité Intercentros da CRTVG sobre a manipulación nos medios públicos galegos. Precisamente estas manobras producíronse en reiteradas ocasións para impedir o seu tratamento desde que foi considerada admisible en setembro de 2023.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG