Congreso

BNG reclama a Pedro Sánchez menos triunfalismo e máis pasos concretos para cumprir o acordado

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego valora avances como o da AP-9 ou a dragaxe da Ría do Burgo, que aínda se terán que executar, mais afirma que a avaliación do grao de cumprimento do Acordo de Investidura que realizou o Goberno español non se axusta á realidade, porque non se trata só de anunciar medidas senón de as pór en práctica. Ademais, entende o deputado nacionalista que a avaliación dun acordo debe ser feita entre as partes e que o BNG xa se ten dirixido ao PSOE para concertar unha reunión da Comisión de Seguimento a comezos de xaneiro de 2021.

O Bloque Nacionalista Galego cualifica como “triunfalista” e “pouco axustada á realidade” a avaliación que fai o Goberno español do grao de cumprimento do Acordo de Investidura asinado no pasado 3 de xaneiro. Para alén de que na devandita avaliación faltan moitas medidas que figuran no Acordo (entre elas practicamente todas as que teñen a ver con políticas sociais), algunhas das si avaliadas non poden darse por cumpridas ou mesmo dificilmente por “en proceso” ou “con avances”.

Néstor Rego pon como exemplo o Estatuto da Industria Electrointensiva, que o goberno dá por cumprido unha vez que aprobou o proxecto. No entanto, para o deputado nacionalista, ese proxecto de Estatuto “non representa unha solución real á crise da nosa industria electrointensiva, non responde aos criterios que figuran no acordo de posibilitar unha tarifa estábel, asumíbel e predecíbel  e non tivo en conta as alegación presentadas polo BNG para avanzar nesa dirección como bonificar no 100% os custos de transporte”.

Aliás, nun acordo entre partes, non é serio que unha delas dea por “decaído” un dos compromisos de maneira unilateral, como fai o Goberno co estudo dunha tarifa eléctrica galega, aducindo a que a Lei do Sector Eléctrico “estabelece como un dos seus principios fundamentais que a tarifa eléctrica será única en todo o territorio español” cando era precisamente iso o que se pretendía mudar para permitir que as comunidades produtoras excendentaria de enerxía eléctrica, como a Galiza, se puidesen beneficiar desa condición.

Para Rego, non se pode dar por cumprido o compromiso sobre reactivar a actividade nos estaleiros de Vulcano cando estes permanecen fechados e o Estado “nin sequera actuou para garantir que a concesión de dominio público dos terreos afectados non fose revogada, como pretende a Autoridade Portuaria, o que tornaría inviábel a recuperación da actividade industrial”. Tampouco é posíbel apreciar avances significativos na conversión de Navantia nun Complexo Industrial Integral porque os recursos orzamentados para “mellorar a capacidade de produción” son insuficientes para iso.

Na mesma liña, o deputado nacionalista non concorda en que se poidan considerar avances na situación dos emigrantes retornados actualmente prexudicados polos criterios tributarios da Facenda española alegando que “se está a constituír un grupo de expertos” (quer dicir, aínda non se constituíu) para traballar na solución, sen máis concreción.

Néstor Rego considera que o Goberno desperdiciou nos Orzamentos do Estado unha boa oportunidade de avanzar nos compromisos estabelecidos para a modernización das redes ferroviarias interiores en que, coa excepción da liña Lugo-Ourense ou a conexión co porto de Ferrol, practicamente non houbo novidades. Nese sentido, subliñou Rego que chama a atención que se anuncie a licitación de dous contratos “para modernizar a liña de FEVE que conecta Ferrol con Xixón” dos que non hai noticia, como non sexa en territorio asturiano, “e non nos sorprendería, porque xa no debate dos Orzamentos a Ministra de Facenda pretendeu 'vender' unha partida para o tramo A Veiga-Cudillero como se fose na Galiza”, ironizou.

O deputado do BNG recoñece avances en cuestións como a bonificación das portaxes da AP-99, porque existen partidas nos Orzamentos, ou a dragaxe da Ría do Burgo. No entanto, resaltou que no primeiro caso falta aínda a tramitación regulamentaria para que entre en vigor (que onte mesmo a Portavoz do BNG reclamou ao ministro Ábalos) e no segundo, iniciar as actuacións e definir a compensación aos mariscadores e mariscadoras.

Rego criticou tanto o procedemento como o ton inadecuadamente triunfalista de Pedro Sánchez. Primeiro porque “o normal é que a avaliación do grao de cumprimento dun acordo se faga entre as partes, e non de forma unilateral” e a seguir porque, para o deputado do BNG, a avaliación feita polo Goberno “fica lonxe de se axustar á realidade”. En todo o caso, o deputado nacionalista anunciou que o BNG xa se ten dirixido ao PSOE para realizar unha reunión da Comisión de Seguimento nos comezos de xaneiro, “para realizar esa avaliación conxunta mais, sobre todo, para avanzar no cumprimento dos compromisos estabelecidos que, hai que lembrar, non son só co BNG senón con todos os galegos e galegas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG