BNG defendeu unha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Sanidade para instar á Xunta que cubra as prazas vacantes e as baixas do persoal sanitario -nomeadamente as de medicina de familia, pediatría e enfermería- dos centros de saúde dos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira e repoñer, polo tanto, a totalidade do número de prazas asignadas na actualidade a cada un deles.
De igual xeito, a iniciativa defendida pola deputada Rosana Pérez, recolle a reapertura inmediata dos consultorios periféricos de Taragoña (en Rianxo) e Cabo de Cruz (en Boiro), así como a substitución urxente do único facultativo do consultorio de Palmeira (en Ribeira). Por último, Pérez tamén reclamou a ampliación de horario do servizo de urxencias (PAC) do centro de saúde de Rianxo para que se preste tamén polas tardes, así como o cumprimento do acordo parlamentario tomado por unanimidade en febreiro de 2021, relativo ás carencias de persoal e de espazo no centro de saúde de Ribeira.
Segundo advertiu a deputada nacionalista, a “grave situación que padece a Atención Primaria da comarca do Barbanza e que agora se atopa en imparábel empeoramento vén de moi atrás, de moito antes da pandemia, derivada dos numerosos recortes levados a cabo nos últimos 13 anos polo Goberno galego”, do que dixo “segue a mirar para outro lado”, mentres o primeiro nivel asistencial da nosa sanidade “está a piques de colapsar”.
Neste marco, explicou que o centro de saúde de Ribeira, cun cupo de máis de 20.000 persoas, conta a día de hoxe, por baixas e vacacións que o Sergas non cobre, con 8 dos 14 facultativos e facultativas das que dispón, ao que hai que engadir a ausencia de tres profesionais de enfermería e dunha das dúas matroas, situación que reprobou, dado o acordo parlamentario de febreiro de 2021 para dar resposta á falta de persoal neste centro e que, segundo reprobou, “o PP limitouse a votar a favor pero nunca máis se soubo porque nunca chegou a efectivizarse”.
No caso do consultorio de Palmeira, van xa para dous meses sen o único médico do que dispón, pese a que presta atención a máis de 1.100 pacientes que están sendo atendidos e atendidas algúns días por un médico desprazado dende Ribeira onde, recordou, “están xa con seis médicos menos do que lles corresponde”. Neste caso, Pérez apuntou que, curiosamente, logo de meses coa veciñanza mobilizada, o conselleiro de Sanidade recibiu hoxe ao alcalde da localidade, coincidindo co debate parlamentario da iniciativa do Bloque.
Á situación que se sofre en Ribeira e Palmeira, a deputada do BNG engadiu a do centro de saúde de Rianxo (con só catro dos oito facultativos traballando), localidade na que segue sen reabrir o consultorio de Taragoña e que tamén leva reclamando anos a ampliación de horario de urxencias no PAC, xa que o seu funcionamento non abrangue as tardes como sería o normal, senón que se limita só ás noites (a partir das 22h).
O deterioro da Atención Primaria no Barbanza esténdese tamén á Pobra do Caramiñal -con dúas prazas médicas sen cubrir no seu centro de saúde- e a Boiro, cuxo centro de saúde ten tres das 12 prazas médicas sen cubrir, algo que tamén acontece no caso das de enfermería, e cuxo PAC segue sen contar co reforzo de persoal que precisa, dada a chegada do verán e, con el, o incremento da poboación a atender. Esta localidade tamén conta con outro consultorio que continúa pechado dende 2020, o de Cabo de Cruz, cuxa veciñanza segue a ser derivada ao centro de saúde de Boiro.
A todo este panorama hai que engadir a insuficiencia, “cronificada tamén”, de especialistas en pediatría para toda a poboación infantil que hai que atender, as baixas en enfermería que tampouco se cobren e un persoal de servizos xerais insuficiente, incidiu Pérez, quen alertou dunha “desfeita sanitaria con consecuencias devastadoras”, á que o Goberno do PP non é quen de ofrecerlle solucións efectivas e se limita a unha “política de parches”.
Neste sentido, recriminou a última “ocorrencia” do Sergas, nomeadamente da xerente da área sanitaria de Santiago-O Barbanza, ao “presionar aos concellos para pechar os PACs e derivar todas as urxencias ao hospital do Barbanza”. “Optar por esta solución é saturar, aínda máis, as urxencias dun hospital que xa está neste momento nunha situación precaria”, reprobou, logo de lembrar que o Servizo Galego de Saúde anunciase hai dous meses a contratación de dous médicos para o centro de saúde de Rianxo, un para o centro de Boiro, outro para o da Pobra e dous para o de Ribeira dos que, afeou, “a día de hoxe seguimos sen saber deles e, de levarse a cabo esa contratación, aínda seguirían quedando un número importante de prazas sen cubrir na comarca, xusto nun momento no que a poboación dos catro concellos se incrementa considerablemente”. Pese aos argumentos esgrimidos pola deputada nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.