BNG reclama a paralización dos megaparques eólicos proxectados na comarca do Deza

Néstor Rego en Lalín
Néstor Rego en Lalín

Rego demanda que o MITECO non autorice a instalación dos macroproxectos eólicos do Val do Folgoso e Monte dos Porcallos que afectarán gravemente a numerosas explotacións agrogandeiras e ao patrimonio natural e cultural da comarca.

A formación nacionalista pide que se decrete unha moratoria que permita planificar o desenvolvemento eólico conxuntamente coa Xunta de Galiza.

BNG rexistra iniciativas no Congreso co obxectivo de paralizar os macroproxectos dos Parques Eólicos do Val do Folgoso e do Monte dos Porcallos de 56 MW. Así mesmo exixe que se paralicen todos os proxectos en proceso de tramitación ante o Ministerio para iniciar a elaboración, xunto coa Xunta da Galiza e respectando as súas competencias propias, unha planificación eólica que atenda a criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio e garanta un desenrolo eólico que respecte o patrimonio cultural e natural así como o mantemento das actividades agrícolas.

Os proxectos dos Parques Eólicos do Val do Folgoso e Monte dos Porcallos prevé situarse nos municipios de Lalín, Rodeiro e Dozón, e prevé unha infraestrutura de evacuación que ocupará terreos nos concellos de Lalín, Vila de Cruces e Silleda. Os dous parques compartirán as liñas de evacuación e o seu desenrolo debe facerse conxuntamente, proba de que realmente tratase dun único parque fragmentado intencionadamente para lograr máis facilmente a súa autorización.

Non existe unha coordinación ou previsión de conxunto no desenvolvemento eólico na Galiza. “A tramitación destes dous parques evidencia a total falta de regulación no procedemento e o incumprimento do principio de proporcionalidade marcado legalmente, pois a Administración Xeral do Estado ten nestes momentos en diferentes fases de tramitación administrativa un conxunto de parques que supoñerían ata 2.524  MW, aos que debe sumarse os parques que tramita a Xunta de Galiza” enfatiza o deputado nacionalista. Resulta evidente que a instalación de todos os parques solicitados “é claramente abusiva” e proba unha falta de planificación ou regulación do procedemento, así como unha “descoordinación nas competencias atribuídas ao Ministerio, que debe autorizar os parques superiores a 50  MW”.

A formación nacionalista destaca que a avaliación ambiental non cumpre os requisitos previstos na normativa, pois estabelece “que debe ser obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica tanto os plans como programas” explica Rego. “Resulta evidente que a produción eólica planificada nun territorio debe avaliarse e valorarse no seu conxunto, como un todo, e non de forma  fragmentada en partes sometidas a avaliacións ambientais independentes” afirma o deputado do BNG.

Graves efectos para o sector agrogandeiro

“Estes proxectos provocarán unha forte afectación á actividade económica e agraria, pola propia instalación dos aeroxeradores que van ocupar boa parte dos terreos da comarca agora destinados á gandería, mais tamén  porque limitarán as actividades a desenvolver dentro da área de influencia ou poligonal de ambos os parques, onde non se poderán levantar naves, silos, etc, que poden ser necesarios para o futuro das explotacións” expón Néstor Rego.  Ademais, implicará a creación de servidumes de paso para o acceso en superficie e para a condución subterránea o que impedirá que nesas áreas se poda modificar ou alterar o terreo.

Outra das graves consecuencias derivadas da instalación destes parques será “a alteración da rede hídrica de augas subterráneas e superficiais, ao construír accesos, canalizacións e zapatas para o asentamento dos aeroxeradores” que afectará aos nacentes de fontes e mananciais, modificando a achega de auga de reda das explotacións, indica o deputado nacionalista. .

Afectación a especies protexidas

A instalación dos dous megaparques tamén terá graves consecuencias para o patrimonio natural pois “causará a expulsión da súa área de cría a varias especies de aves en risco de extinción como son a Gatafornela e a Tartaraña cincenta”, destaca o portavoz do BNG no Congreso. “Ademais tamén porán en risco o ecosistema fluvial do Rego das Abellas, incluído na Rede Natura, onde existen exemplares doutra especie en perigo, o mexillón de río”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG