parlamento galego

BNG reclama non baixar a garda diante da violencia machista e chama ao PP a reforzar os sistemas de protección para as vítimas

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas critica a redución de campañas de sensibilización, a falta de apoio aos CIM e unha atención psicolóxica que é “claramente insuficiente”

A portavoz de Igualdade do BNG, Noa Presas, emprazou  á conselleira de Política Social a non baixar a garda diante da violencia machista e reclamou un maior esforzo para frear os feminicidios e para ampliar a rede de protección para todas aquelas mulleres que están sufrindo violencias.

Nunha interpelación no Pleno do Parlamento, Presas advertiu que “o machismo actúa porque hai un entorno que o tolera, hai un ecosistema que lle permite expandirse” e por iso é necesario reforzar as medidas neste eido. “Detrás de cada feminicidio hai un fracaso social e institucional”, asegurou tras recordar a Fadou Akkar, a última vítima en Galiza dun asasinato machista e a terceira no que vai de ano.

Os asasinatos - os Fadou Akkar, Mercedes Ríos e Andrea Yturry este ano-  son “a punta do iceberg” e “a consecuencia máis extrema da violencia machista”, subliñou a deputada nacionalista, sinalando que só no ano pasado houbo no País máis de 1.400 ordes de afastamento e 7.795 casos activos en Viogen (3.231 con protección oficial). Rexistráronse ademais máis de 900 delitos coñecidos contra a liberdade sexual,  “o maior número e o maior aumento de toda a serie histórica”.

“Aínda que no contexto político de hoxe se banalice e se negue, a violencia machista existe e é o principal problema da vida das mulleres”, engadiu dende a tribuna Presas, que reclamou unha avaliación das políticas da Xunta neste eido pois, se ben é certo que “como País temos construído unha lexislación ambiciosa e un sistema de protección e intervención moi importante que axuda a miles de mulleres”, segue habendo cuestións estratéxicas con “moita marxe de mellora”.

Presas reclamou así melloras no eido da sensibilización, pois “as propias cifras da Xunta amosan que non chegan á sociedade e que están a rebaixar o seu esforzo”, reprochoulle á conselleira. Como exemplo disto, referiuse á campaña Agressións off, que o ano pasado chegou a menos de 2.000 persoas, coa metade de eventos e a distribución de só o 7 % do material do anterior ano.  Denunciou, no mesmo sentido, que no ensino “seguen sen corrixir a eliminación da materia de Igualdade”, e programas como Iguálate ou o Plan proxecta apenas chegan á comunidade educativa.

Xunto á sensibilización,  a deputada do Bloque esixiu un reforzo dos recursos de proximidade, e moi especialmente dos Centros de Información á Muller (CIM). “Non queren reforzalos, teñen o apoio económico conxelado e seguen sen acordar coa Fegamp un novo marco de financiamento e funcionamento”, afeoulle á titular de Política Social, á que instou ademais a negociar a ampliación do catálogo de persoal ou o establecemento de rateos mínimos e estabilidade.

A portavoz nacionalista de Igualdade demandou, por outra banda, medios para a atención psicolóxica, un servizo que hoxe en día é “claramente insuficiente”, unha “gran tarefa pendente” fundamental para que as vítimas rompan coa espiral de violencia e se recuperen.  “Mañá é o día da saúde mental, está moi ben que o Goberno galego leve 2 semanas con anuncios a toda cor nos xornais, pero cando van desenvolver o artigo 25 da Lei Galega de Violencia Machista que establecer este servizo na atención primaria?”, preguntou á conselleira, lembrándolle os 17 anos quen esta medida “leva no papel”.

Presas continuou lembrando que desde 2003 máis de 70 mulleres foron asasinadas en Galiza e convidando á conselleira á preguntarse se “estamos vendo todo o que temos que ver”, se “estamos poñendo as lentes lilas para reforzar os nosos recursos” e, “se vemos onde non chegamos, por que non actuamos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG