O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado mellore a seguranza viaria da N-550 ao seu paso polo Concello de Ordes. O deputado nacionalista, Néstor Rego, demanda levar a cabo un estudo para analizar as principais causas do elevado índice de sinistralidade e realizar, en base ás conclusións extraídas, todas as actuacións precisas tales como a reforma do trazado, a mellora da rotonda que enlaza a N-550 co Polígono Industrial de Merelle e coa AC-409, entre outras.
O tramo da N-550 que transcorre polo Concello de Ordes, entre os puntos quilométricos 26,8 e 36,9, está considerando -segundo o informe elaborado por EuroRAP (European Road Assesment Program) de 2020- o quinto lugar máis perigoso do Estado español. Este tramo comprende entre a rotonda que enlaza coa AC-542 en dirección Betanzos até o límite do centro urbano de Ordes en dirección Santiago de Compostela.
Aos numerosos sinistros acumulados até o de agora, lamentabelmente cabe sumar un novo accidente en datas recentes en que resultou ferido un ciclista. Este suceso tivo lugar na ronda que enlaza co Polígono Industrial de Merelle, punto onde se producen de maneira habitual este tipo de accidentes.
“Esta situación non se pode seguir tolerando. O Goberno debe adoptar todas as medidas necesarias para evitar novos sinistros” reclama o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, urxe efectuar os estudos precisos “para analizar as principais causas do elevado índice de sinistralidade que presenta actualmente a N550 ao seu paso por Ordes”.
Cos datos que a organización nacionalista pode coñecer, unha das causas que inflúen na elevada sinistralidade deste tramo é a alta velocidade á que circulan os vehículos na rotonda. Debido á súa reducida dimensión, fai posíbel que os automóbiles poidan tomala sen frear, especialmente se continúan recto, en dirección A Coruña-Ordes ou viceversa.
“Unha das solucións que se propón desde a localidade é, precisamente, reformar a propia rotonda para aumentar as súas dimensións de forma que a necesidade de virar obrigue a reducir a velocidade de tránsito nela” explica o voceiro municipal do BNG en Ordes. Así mesmo, Pablo Vidal sinala que tamén se pode valorar a colocación de sistemas para o acougado do tráfico que chega á rotonda, por exemplo, bandas redutoras da velocidade. “Non basta coa instalación de paneis de sinalización” afirma Vidal.
En opinión do deputado nacionalista, dado que a titularidade da estrada é estatal e corresponde ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realizar os estudos precisos. “Posteriormente, o MITMA debe acometer as actuacións necesarias, en base ás conclusións que se poidan tirar dos citados estudos, entre as que se podería incluír a reforma do trazado, así como a adopción de medidas para acalmar o tránsito que accede á rotonda que enlaza a N-550 co Polígono Industrial de Merelle e coa AC-409” finda Rego.