BNG reclama medidas urxentes para paliar o afogo económico que provoca nos concellos asumir competencias da Xunta

Óscar Insua
Óscar Insua

Oscar Insua tacha de “esmola” o incremento anunciado e advirte da falla de financiamento para SAF, escolas infantís ou servizos de drogodependencia

O deputado do BNG Oscar Insua reclamou no Pleno medidas urxentes para paliar o “afogo económico” que está a provocar nunha boa parte dos concellos galegos a prestación de competencias que lle corresponden á Xunta, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), escolas infantís, servizos de atención a drogodependentes, grupos de emerxencia supramunicipal ou centros de saúde.

Nunha interpelación ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o deputado nacionalista advertiu que os incrementos anunciados para o financiamento dos concellos nos Orzamentos de 2025 son unha “esmola” que non vai arranxar o grave problema de financiamento local. “Como saben que teñen pecado, fan penitencia con esa esmola”, asegurou Insua, que exemplificou asegurando que a Xunta anuncia como novos dez millóns de euros que non foron executados este ano. “Os agasallos non se poden volver a agasallar”, apuntou.

“Os orzamentos seguen sen resolver un problema que cada vez é máis grave”, engadiu o deputado, para quen as contas do próximo ano “pouco ou nada” van cambiar a situación dos concellos nin atenden as demandas que os alcaldes teñen formulado a través da Fegamp.

Insua emprazou ao conselleiro a actuar en tres cuestións que son prioritarias, como son a delimitación de competencias, un novo marco de financiamento e blindar por lei ambas cuestións. “Non pode quedar todo en boas intencións”, advertiu para criticar a falta de avances na comisión integrada por Xunta e Fegamp co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

Na súa intervención, o portavoz de Administración Local do BNG subliñou os problemas que está a ocasionar nas contas municipais a prestación do Servizo de Axuda no Fogar para usuarios dependentes, sobre todo nos concellos de menos de vinte mil habitantes en especial nos de menos de 5.000, que están asumindo xa máis do 50 % do custe deste servizo, provocando que algúns deles non poidan ofrecer todas as horas concedidas de dependencia aos usuarios por falta de orzamento.

O deputado nacionalista lembrou que a última reforma do financiamento local é de 2004, polo que o sistema leva sen renovarse vinte anos mentes aumentan a un “ritmo acelerado” os servizos que teñen que prestar e asumir os concellos. Entre outras cuestións, pediu cambios no fondo de cooperación local, que acadou o ano pasado o maior nivel de condicionamento, tendo cada ve máis peso as transferencias finalistas.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG