A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda e a portavoz en materia de pesca no Parlamento galego, Rosana Pérez denunciaron as graves e “demoledoras” consecuencias para a flota galega, tras o acordo do Brexit e reclamaron “medidas compensatorias”, a curto e longo prazo, para non “condenar ao sector ao despece”.
Miranda lembrou que están en xogo os postos de traballo de 1.400 tripulantes e 10.000 empregos indirectos. O BNG, dixo solicitou un encontro co Comisario de Pesca e enviou as propostas da formación nacionalista ao grupo no que o BNG está integrado. Ana Miranda recalcou que a flota galega é unha das grandes prexudicadas no acordo do Brexit e salientou que “no ano 1929 fomos nós os que descubrimos a potencialidade pesqueira do Gran Sol”. Por outra banda, engadiu, Galiza “non pode perder os dereitos históricos de pesca”.
A portavoz do BNG en Europa criticou deixar que a pesca non fora prioritaria negociacións do Brexit a pesca e na súa opinión, tanto o goberno galego como o español “non amosaron firmeza” para defender á flota galega. “O acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido presenta un escenario de urxencia para a pesca galega”. Miranda amosou unha fotografía da espiña dun peixe para escenificar que o acordo “leva a carne e non deixa ningún beneficio para a nosa flota”.
Este acordo para acceder ás augas británicas obriga a Unión europea a ceder o 25% das cotas e recalcou que a flota galega conta xa con cotas moi reducidas.
Pola súa banda, a portavoz de pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez lamentou a falta de peso político da xunta “para pelexar antes, durante e despois do acordo”. Para a deputada, “o problema da pesca é político e Galiza non conta con negociadores propios”. A UE, dende o ano 76 tratou ao sector pesqueiro galego como “o inimigo a bater” e a conselleira do Mar, leva 11 anos, xunto ao goberno galego, “devaluando ao sector e consentindo o seu estrangulamento”. Agora era o momento de posicionarse politicamente contra o reparto das cotas pero tanto Quintana como a Xunta limitáronse a propoñer a diminución de mariñeiros. Rosana Pérez tamén avanzou que o BNG preguntará polos criterios do reparto do Fondo de reserva da U.E e reiterou que o sector pesqueiro galego precisa de compensacións porque é un sector estratéxico para a economía galega.
Comisión especial sobre o Brexit
A portavoz parlamentaria de pesca anunciou que o BNG rexistrou a petición para que a conselleira do Mar compareza en sede parlamentar co fin de explicar as previsións do goberno ante o acordo do Brexit así como a creación dunha Comisión especial no Parlamento galego porque o BNG, como grupo principal da oposición quere saber que “medidas vai tomar a Xunta”.
Finalmente, Rosana Pérez criticou que a estas alturas o Consello galego de Pesca non conte coa presenza dos partidos políticos para achegar propostas e iniciativas en defensa da flota pesqueira.