BNG esixiu no Pleno do Parlamento un reforzamento dos recursos públicos de atención á saúde mental á mocidade diante do incremento de casos entre a xente moza. O deputado nacionalista, Paulo Ríos Santomé, defendeu que as causas son, fundamentalmente, a falta de expectativas da mocidade e reclamou políticas activas para que as novas xeracións "podan ver a luz ao final do túnel".
Ríos defendeu unha iniciativa encamiñada a incrementar os recursos públicos para a atención especializada en saúde mental da mocidade dado incremento dos casos e a "clara insuficiencia dos medios existentes".
"Os datos son alarmantes e, segundo as cifras achegadas polo Centro Raíña Sofía, falan do aumento do 6,2 ao 15,9% e só un 36% conta con diagnóstico. Aumentou tamén a taxa de suicidio, que no noso caso é o máis alto con 7,16% por 100.000 mozos e mozas", sinalou Ríos para quen o debate e as solucións son "urxentes" dada a gravidade da situación.
Para o deputado nacionalista, estas enfermidades derivan, en moitos casos, "do medo á incerteza da mocidade, o que é comprensíbel debido á situación socioeconómica que padecen". Na súa defensa dunha iniciativa que foi rexeitada polo PP, Paulo Ríos denunciou que "as políticas públicas da Xunta no ámbito da mocidade non foron quen de mellorar a calidade de vida da mocidade nin de ir a favor de reducir os malos datos en saúde mental, polo que urxe un cambio de modelo fronte á persistencia de seguir polo mesmo camiño que nos levou até aquí".
Instou así á Xunta a activar políticas que traballen polo incremento da calidade de vida e das perspectivas de futuro dunha xente nova na que se está a producir "un considerábel aumento de consumo de fármacos que actúan como parches e non son solución".
Neste sentido, reclamou do goberno galego que se comprometa na loita contra a precariedade laboral, a emigración xuvenil, a incapacidade económica que reduce ás taxas de emancipación, que son as máis baixas do Estado, e que poña fin ao desmantelamento das redes de apoio da mocidade. "As enfermidades mentais son consecuencia, en moitas ocasións, de que a mocidade non ve luz ao final do túnel co cal é urxente actuar sobre as causas para eliminar os seus efectos", apuntou Ríos para quen "non é só incrementar recursos senón investir en prevención, ir ás causas e a principal é mellorar a calidade de vida e o futuro da mocidade".