Congreso

BNG reclama garantir un trato xusto para a Galiza no PERTE para o sector mar-industria e a transferencia dos fondos

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama ante o Goberno a descentralización dos fondos Next Generation para a súa xestión desde a Galiza

O BNG aposta polo fortalecemento industrial na transformación de produtos da pesca e acuicultura

O BNG vén de rexistrar novas iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a descentralización dos fondos Next Generation e no concreto o estabelecidos no PERTE MAR-Industria para que a Xunta de Galiza estabeleza un diálogo con todos os actores implicados en virtude das súas competencias en materia industrial. A organización nacionalista defende garantir un trato xusto para a Galiza e o seu sector mar-industria e impulsar o fortalecemento industrial na transformación de produtos de pesca e acuicultura.

Máis unha vez, o BNG rexistra iniciativas no Congreso para demandar a descentralización dos fondos Next Generation para a súa xestión desde a Galiza, especialmente no caso do PERTE mar-industria. Este sector, sinala Néstor Rego, é estratéxico para a Galiza e mesmo representa 5% do PIB galego con millares de empregos no territorio galego.

“Nos últimos anos asistimos a un proceso de desaparición do capital galego neste sector fundamental para a economía e a industria na Galiza, perdendo o control das principais empresas do sector como Iberconsa, Albo, Calvo, etc.” explica o deputado nacionalista. A este panorama, subliña Rego, hai que sumar a situación de risco que padecen importantes empresas do ramo, como é o caso do Grupo Atunlo, unha das máis críticas, que avanza imparábel cara á súa desaparición.

O anuncio da creación dun PERTE específico, dentro do agro-alimentar, para o sector mar-industria supón un avance para o recoñecemento dun sector central na economía galega, mais a súa dotación resulta claramente insuficiente. Ante esta situación, o BNG entende que, dado que máis de 50% das industrias transformadoras de produtos pesqueiros e acuícolas se sitúan na Galiza e atendendo ao grande impacto que o sector ten na nosa economía “resulta fundamental que a Administración galega teña capacidade para a xestión e distribución destas fontes de financiamento”.

“Estas axudas deben servir para o mantemento de postos de traballo, a mellora tecnolóxica do sector e, de forma especial, o avance nas condicións laborais nun sector altamente feminizado” evidencia o deputado do BNG. Por iso, apela Rego, a Xunta da Galiza debe exercer as súas competencias en materia de industria e ser parte activa na negociación destes PERTES, estabelecendo un diálogo con todos os actores implicados para garantir un trato xusto para a Galiza e o seu sector mar-industria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG