parlamento galego

BNG reclama a Educación o arranxo urxente da graves deficiencias que sofre a Escola de Arte Dramática de Galiza

Carmela González
Carmela González

A deputada Carmela González advirte dos problemas de seguridade para alumnos e docentes debido a falta de equipamentos e espazos en bo estado

A deputada do BNG Carmela González denunciou este mércores no Parlamento as graves deficiencias e a situación de deterioro na que se atopa a Escola de Arte Dramática de Galiza, en Vigo, e reclamou á Consellería de Educación que habilite a partida necesaria para realizar as actuacións urxentes de mellora e modernización das infraestruturas e para as dotacións escénicas que son necesarias xa de cara ao vindeiro curso. Advertiu, ademais, da necesidade de acometer obras para garantir a seguridade de docentes e alumnos do centro.

A deputada de Vigo levou esta cuestión ao Pleno a través dunha pregunta ao conselleiro, Román Rodríguez, a quen lembrou que para acometer as obras máis urxentes son necesarios segundo un estudio encargado polo centro en torno aos 200.000 euros, “unha cantidade ridícula para un goberno que acaba de agasallarlle 9,3 millóns de euros a Abanca”, que foi rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público, criticou en alusión ao feito de “repagarlle”  á entidade financeira polo Teatro Cine Fraga de Vigo.

Carmela González emprazou así ao conselleiro a habilitar tamén as partidas necesarias para as fases 2 e 3 do Campus das Artes Escénicas pois, segundo lembrou, 14 anos despois de ser inaugurada a ESAD no barrio de Navia segue pendente de completarse o proxecto, que contemplaba tres edificios, o cal “limita gravemente o funcionamento e a oferta do centro”.

Na argumentación da pregunta ao conselleiro, denunciou que a ESAD carece de espazos suficientes e  non ten unha sala polivalente que permita practicar e albergar espectáculos de formatos diversos. Falta, ademais, un taller de construción no que traballar co espazo necesario e con seguridade para a construción das escenografías. “E, aínda que parece mentira, non ten un teatro no que ensaiar e representar as obras que se producen nas clases”, ironizou a deputada nacionalista. Imaxina unha facultade de bioloxía sen laboratorios?”, preguntou neste punto ao conselleiro.

Risco de accidentes

Ademais de espazos insuficientes e adecuados para a docencia, Carmela González advertiu dos problemas de seguridade na escola, até o punto de que “a docencia dalgunhas materias poñen en risco de sufrir un accidente grave ao profesorado e ao alumnado”.  Entre outras cuestións, denunciou por exemplo que alumnos e profesores teñen que facer  montaxes de escenografía e iluminación subíndose a unha escaleira de máis de catro metros ou a un andamio sen unha liña de vida porque non hai posibilidade de instalala.

Goteiras que xa danaron a estrutura do escenario no auditorio, talleres de construción escenográfica sen luz e sen ventilación nos que se traballa con vernices e produtos tóxicos ou falta de mecanismos para baixar até o chan os focos son outras dos problemas sinalados pola deputada do BNG, que subliñou que o centro leva anos demandando que a Consellería solucione todas as deficiencias da escola.

Deficiencias que, dixo, están recollidas tamén nunha auditoría solicitada pola escola, segundo a cal os catro espazos de exhibición que se utilizan na actualidade non cumpren coas necesidades técnicas que precisa a formación en artes escénicas, nin tampouco cos requisitos legais precisos que impedirían a calquera outro espazo de exhibición escénica albergar espectáculos.

“E aínda con todas estas deficiencias, na ESAD prodúcense máis de 90 espectáculos ao longo do curso, coa vontade e o enorme traballo do profesorado e do alumnado”, destacou Carmela González, que concluíu demandando intervencións máis ambiciosas na escola  máis alá do arranxo das filtracións ao que se comprometeu o conselleiro na súa resposta parlamentaria ao BNG.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG