O portavoz na área de Administración, Iago Tabarés, lamentou o voto en contra do PP á comisión “pola transparencia e contra a corrupción” que o BNG reclamou este martes no Pleno co obxectivo de resolver as sospeitas de “irregularidades e actuacións que non se axustan á legalidade” nas contratacións de emerxencia da Xunta adxudicadas durante a pandemia da covid-19.
Unha comisión que o BNG demandou despois de que o Partido Popular rexeitase someter a unha auditoría externa os contratos feitos pola vía da urxencia, posto que a maioría deles non foron fiscalizados e entre os que si o foron, o Consello de Contas detectou “reparos de legalidade e actuacións pouco acordes cos principios elementais do que é unha boa xestión dos recursos públicos”, segundo expuxo Tabarés.
“Ante unha situación de pandemia a lei permite recorrer a este procedemento máis áxil, pero non permite arbitrariedades nin o derroche de recursos públicos nin exime de controis”, subliñou, para a continuación denunciar que “non existiu fiscalización nin transparencia” e que “do pouco fiscalizado hai dúbidas de legalidade e sobre a xestión dos recursos públicos, dúbidas sobre o que se contrataba e sobre todo, a quen se contrataba”.
Ademais da falla de concorrencia e de comprobación da aptitude e capacidade dos adxudicatarios postos de relevancia por Contas entre outras irregularidaes, Tabarés apuntou a unha “concentración moi importante” nas empresas coas que se contratou. En 2020 case o 50 por cento do contratado concentrouse en só 11 empresas, e no 2021, máis do 66 % foi para só 4 empresas, precisou.
Tabarés salientou ademais a “circunstancia” de que a principal beneficiaria dos contratos de emerxencia adxudicados no 2020 resultou ser “unha empresa grazas á que obtivo importantes comisión a parella da presidenta da Comunidade de Madrid”.
Na mesma liña, engadiu, ao ano seguinte un de cada tres euros contratados sen concorrencia foi para a empresa na que ten altas responsabilidades o cuñado de Alberto Núñez Feijóo, unha empresa -agregou- “sen experiencia no sector sanitario e sen relación anterior coa Xunta”.
Entre as “curiosidades que precisan ser esclarecidas”, o deputado nacionalista referiuse tamén á relación da Administración galega con Sibucu, unha empresa á que se lle adquiriron dous millóns de euros en máscaras. O 18 de maio de 2020 o propio Sergas alertou de que Sibucu estaba distribuíndo máscaras FFP2 con selo falso e, malia iso, seguiu adquiríndolle tapabocas.
O deputado nacionalista aludiu así mesmo a informacións xornalísticas que, pola súa transcendencia, “mesmo legal”, merecen ser clarexadas. Neste sentido, apuntou á empresa que durante a pandemia “multiplicou por mil a contratación coa Xunta logo de que adquirise o 50 % do capital social a parella dunha alto cargo do PP, casada en réxime de gananciais”.
“A curiosa coincidencia na contratación habería que engadirlle o feito de que esa entrada no accionariado da empresa se producise exactamente o mesmo día que o Sergas aproba o plan específico de protección laboral polo risco de contaxio polo virus”, asegurou.
Sen fiscalizar as consellerías, axencias, fundacións e corporacións
En contra do que “de maneira teimuda e reiteradamente” asegura o PP, Tabarés subliñou que a maior parte da contratación pola vía de emerxencia realizada como consecuencia da pandemia non foi obxecto de fiscalización nin por órganos internos ni externos da Xunta.
O Consello de Contas explicou, tan só fiscalizou unha parte dos contratos do Sergas (non incluía as áreas sanitarias de Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense), e só os asinados entre marzo de 2020 e maio de 2020. Quedaron pois sen fiscalizar os contratos de emerxencia das consellerías, axencias, fundacións e corporacións da Xunta.
Espurias autorizacións de uso
Tabarés subliñou, neste sentido, que o Contas vén de publicar estes días un informe sobre asistencia sanitaria con medios alleos en Ourense no que, ademais dunha evidente deriva privatizadora, constatou que no 2022 o Sergas contrataba servizos a marxe dos procedementos legais establecidos e abonando prezos sen previa valoración dos curses, nin coñecemento do mercado sobre os servizos que pagaban con recursos públicos.
“Recorría indiscriminadamente ás espurias autorizacións de uso que supuñan a contratación directa, sen concorrencia, sen publicidade e ser respectar a igualdade de trato”, reprobou.
O portavoz de Administración e Xustiza no goberno alternativo do BNG insistiu en que a comisión de investigación solicitada “non é contra o PP” senón para cumprir co mandato de control ao Goberno en para garantir transparencia, control na xestión e defensa dos dereitos da cidadanía e do tecido empresarial.